Quen queira obter datos concretos sobre os nosos fitos en innovación, acadando nomes propios de proxectos e aplicacións especificas dos mesmos, xa pode facelo estea onde estea e en calquera intre do día. Isto será posible grazas á plataforma web Con G de Ganadores, accesible en www.ganadores.gal, nova web posta en marcha pola Consellería de Economía a través de GAIN.
Segundo informa a axencia, a plataforma dará acubillo á publicación, cada dúas semanas, dun percorrido pormenorizado pola historia dun proxecto de I+D galego. Acompañarase a documentación “cunha linguaxe sinxela e acompañada de material gráfico que ilustre o contido”, sinala a Consellería.
Os principais obxectivos desta nova canle de comunicación da Consellería son “estender a cultura da innovación á sociedade galega no seu conxunto, así como a aquelas empresas que están máis afastadas do Sistema Galego de Innovación, a través de exemplos prácticos de empresas e centros de coñecemento que están a desenvolver proxectos de I+D+i con resultados positivos”. Ademais, a nova plataforma “busca recoñecer o labor destes axentes no desenvolvemento económico e o benestar social da nosa Comunidade”.
En marcha unha nova web sobre achados galegos en innovación, Ganadores.gal
Compartir Este Artigo

