A Universidade de Vigo quere avanzar no ámbito dixital, camiñar novos treitos no camiño da comunicación de vangarda para ser «máis aberta e participativa», tanto no durante do proceso como no despois. Froito deste proceso de afianzamento no ámbito smart, que en certa medida comparte conceptos cos procesos de dixitalización das administracións (a chamada Administracion Electrónica), a institución vén de pór en marcha a iniciativa Conectamos, un sitio web no que se dará conta dos avances e novidades deste camiño de remodelación para que toda a comunidade universitaria poida opinar e facer suxestións.
A iniciativa, polo tanto, será aberta á participación. Dito doutra maneira: nela, as persoas que forman parte da UVigo poderán envorcar as súas opinións e contribucións sobre cada unha das liñas de traballo dixitalizador previstas para os vindeiros meses. Liñas entre as que se inclúe a renovación da web da Universidade, uvigo.es, ou a reorganización de toda a estrutura de páxinas.
Máis en detalle, o proceso de renovación abrangue cinco grandes áreas.
Por unha banda, trabállase no eido da comunicación dixital, «fixando definicións e normativas que permitan avanzar con seguridade, planificando tanto os cambios a medio como a longo prazo de xeito estruturado».
Por outro lado, avánzase xa no deseño das webs, «tanto no relacionado coa aparencia como coa navegación e as versións para a visualización da páxina para computadores e pantallas de dispositivos móbiles».
Un terceiro eixo xira arredor da organización do portal institucional, para o que a Universidade considera fundamental ter un mapa o máis acabado posible dos contidos e navegación da mesma.
A cuarta liña de traballo refírese aos contidos do portal, que inclúe a reorganización dos contidos, así como a planificación e metodoloxía para facer a migración á nova web.
Finalmente, os devanditos treitos confluirán na construción do novo portal, un proceso do que se irá dando conta puntualmente na web da iniciativa Conectamos.
Segundo informa a Universidade de Vigo, o dito portal xa está en marcha, acubillando avances relativos ás cores, tipografía e estilo, así como normas xerais referidas a dominios, subdominios e URLs. Detrás do arrinque deste proceso de transformación houbo semanas de traballo e de estudos previos sobre a web da institución. Froito deste labor achouse a existencia de máis de 400 nomes de dominios e subdominios que, en palabras da Universidade, «xeran problemas de disgregación de identidade e de falta de harmonía do conxunto».
Un dos avances que xa se recollen en Conectamos é como dixemos a estrutura do novo portal. Este artellarase arredor de cinco grandes seccións: A Universidade; Estudar; Investigar, No campus e Ven á UVigo! «Cada un destes cinco grandes bloques», explican fontes da institución viguesa, «conterá nos niveis interiores todos os apartados, sub-apartados e informacións necesarias para comunicar que é, que pretende e que fai a Universidade de Vigo».
A UVigo aposta polo espírito de participación para a súa renovación dixital integral
Compartir Este Artigo

