
Como dixemos, presentáronse 20 proxectos realizados por 106 alumnas e alumnos e asesorados por 19 docentes. Segundo explicou o profesor Manuel Caeiro na presentación das propostas, a maioría delas xorden da propia iniciativa dos estudantes en base “aos seus intereses e inquedanzas persoais ou aos que ven nas súas familias e contorna”. Entre os achados que se amosaron na Escola de Telecomunicación figuraba un proxecto para combater con laser o espallamento da vespa velutina. Trátase de BeeShield, un produto que, en palabras dos seus impulsores, busca defender a avella autóctona fronte a velutina, especie invasora proveniente do continente asiático cuxa presenza en Galicia aumentou de xeito alarmante nos últimos anos e que nada indica que vaia diminuír a curto ou medio prazo. O prototipo consiste nun conxunto de dispositivos que detectan a vespa, localizan a súa posición e elimínana. “Empregamos un láser de alta potencia que se orienta automaticamente cara a avespa e actívase para queimala”, explicaron os autores do enxeño.
Outra das propostas máis salientables foi sen dúbida LearnForDown, un achado para optimizar o ensino da lectoescritura en persoas con síndrome de Down. Trátase, máis en detalle, dunha aplicación móbil para tabletas argallada en orixe de maneira específica para o dito colectivo e que inclúe tres partes principais de seu. Por unha banda, ten un sistema hardware que permite xogar coa aplicación, logo está a aplicación en si e logo unha parte que é a web na que os mestres e mestras poden ir vendo os avances do cativo, os erros máis frecuentes, o tempo que empregan. Segundo explicou o equipo impulsor do sistema, a idea xurdiu porque unha das desenvolvedoras integrantes colabora cunha asociación de síndrome de Down da Coruña, e grazas a isto comunicáronlle a inexistencia de aplicacións axeitadas para aprenderlles ás nenas e nenos con estas características a escribir.
LPRODays incluíu tamén unha entrega de premios que correu a cargo do Centro das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, e a empresa Cardiovascular Galega. O primeiro premio Gradiant foi para SimulPulse, un pulso simulador para o adestramento na medición da frecuencia cardíaca dirixido á detección de patoloxías; o segundo para Securroad, un sistema de alerta ao condutor baseado na lectura de sinais da estrada, e o terceiro para BeeShield.
No caso de Cardiovascular Galega outorgaron o primeiro premio a HearnMySign, un tradutor bidireccional castelán-lingua de signos empregando o recoñecemento de vídeo.
Presentada nos LPRO Days unha app para facilitar a lectoescritura nos cativos con síndrome de Down
Compartir Este Artigo

