
Máis polo miúdo, entre xaneiro e marzo de 2017 SmartPEME ofreceu 91 cursos, 10 máis que os impartidos o ano pasado, nos que participaron 832 persoas. Os obradoiros abordaron moi diversas temáticas, desde formación básica en redes sociais, almacenamento de datos na nube ou como usar Instragram na empresa, ata o uso de ferramentas de traballo específicas coma Hootsuite ou Facebook Ads.
Por outra banda, a Deputación tamén informou de que no devandito período os servizos de asesoramento do programa foron solicitados por 297 empresas, fronte ás 221 que o fixeron no curso anterior, “o que permitiu resolver 422 consultas relacionadas con diversos ámbitos das TIC, representando un aumento de case o 50 %”.
Ao servizo das PEME
A través de SmartPEME as empresas e autónomos teñen ao seu dispor todo tipo de actividades e servizos tecnolóxico-dixitais para mellorar a súa actividade diaria, dende obradoiros sobre ferramentas para favorecer a promoción ata recursos para optimizar a comunicación con clientes e mailas vendas. O proxecto SmartPEME é, en palabras da Deputación, “un novo modelo de servizo orientado á potenciación do desenvolvemento económico da provincia de Pontevedra, que busca a mellora competitiva das PEME e persoas emprendedoras e autónomas e unha meirande optimización nas vendas, na eficacia e na eficiencia das súas tarefas, a través do mellor aproveitamento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación”.
Dende a súa creación (tendo como orixe a arela do actual Goberno da Deputación de facer “máis útil, axustada, integradora e participativa” a antiga rede CPAE 2.0), SmartPEME abriuse a novos eidos de actuación e abrangueu “novos grupos de interese”, como son os e as emprendedoras, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos. Conta ademais cunha rede de asesores e asesoras cualificadas nas TIC, que se poñen á disposición do noso tecido empresarial para fornecer servizos de información e asesoramento presencial e personalizado de balde.
SmartPEME dobra participantes no primeiro trimestre de ano
Compartir Este Artigo

