Finalmente comezou esta semana a terceira edición da Ourense ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas, que organiza anualmente a Deputación e que se dirixe, en palabras da entidade, a converter a provincia nun referente estatal e internacional en materia de creatividade, innovación e contidos. A Semana arrincou na tarde este 2 de maio, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, co acto de apertura oficial das actividades. Baixo o epígrafe Cultura e creatividade como valor nos territorios as accións previstas desenvolveranse ata o domingo 7 de maio en diferentes localidades da provincia. No acto inaugural participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora de Contidos no Laboratorio de Aprendizaxe Social e Emocional, Elsa Punset; e o xornalista, director de cine e guionista, Javier Rioyo.
Manuel Baltar salientou que durante estes días Ourense será “o punto de encontro da vangarda creativa para emprendedores, artistas e entidades, que converten ao noso territorio no marco perfecto para pensamento o intercambio de experiencias e as novas tendencias no ámbito da creatividade”. E engadiu: “Trátase dun acontecemento transversal na cultura e industria creativa que pon en valor sectores como o audiovisual, a música, a literatura, as novas tecnoloxías e outros sectores nos que a creatividade é o eixe vertebrador”.
Pola súa banda, Elsa Punset e Javier Rioyo ofreceron a súa visión sobre a cultura e a creatividade como valor nos territorios. Trala inauguración, o Teatro Principal acolleu o concerto musical de Depedro, quen presenta en Ourense seu último traballo, El Pasajero.
Respecto dos contidos logo do día de apertura, as actividades desta cuarta feira (mércores 3 de maio) centráronse en boa medida na música dixital e novos xeitos de distribuír e chegar ao público. Tamén houbo achegamentos á gastronomía e á elaboración de guións. Pola mañá, ás 10.00 horas, os participantes realizaron unha visita guiada ao Mosteiro de Oseira para, posteriormente, desprazarse ata o Multiusos de Cea, onde tivo lugar o debate sobre O futuro da música na era dixital, no que participaron a xornalista cultural Marta Gómez; a co-fundadora da plataforma ¡Queremos entrar!, Almudena Palacios; o director de Marca na multinacional M&C Saatchi, Daniel Sanchís; o músico e compositor Miqui Puig; e a presidenta de MMF Spain, Patricia Hermida. No debate sobre industria musical Marta Gómez fixo fincapé “no cambiante que é a industria musical”, afirmando que “o ano pasado foi a primeira vez que en España as vendas dixitais superaron ás físicas”.
Pola súa parte, Patricia Hermida falou sobre a precariedade da industria e as eivas da dixitalización, sendo un dos seus maiores problemas o feito de que “cada país teña a súa propia lexislación”. Tanto Patricia Hermida como Miqui Puig concordaron en que “nesta industria xérase moito diñeiro e o artista é o que menos recibe”, facendo fincapé na precariedade dos artistas no sector musical. Daniel Sanchís dixo que “a industria en España non existe, existen empresas que conseguiron sobrevivir, que é o que aquí se puido facer”. Na súa opinión “cómpre fixarnos noutras tendencias e plataformas para ter como referencia e saber a onde temos que chegar”. E engadiu: “O mundo dixital no que nacestes as novas xeracións permítevos todo o que queirades”.
Almudena Palacios, pola súa parte, explicou o nacemento do proxecto do que é co-fundadora, ¡Queremos entrar!, que xurdiu ante “a imposibilidade de acudir a concertos polo motivo de ser menor”. E explicou: “O cambio pasa por facer unha norma e levala perante o poder lexislativo, e iso é o que fixemos; sendo menor antes poderías entrar a outro tipo de espectáculos como o teatro ou o cine, pero non aos concertos”.
Programación deste 4 de maio
Mañá xoves, 4 de maio, pola mañá, as actividades retómanse no Castelo de Maceda onde a produtora Concha Fontenla ofrecerá un relatorio sobre A produción no cine e a televisión, de 10.00 a 12.00 horas e continuará o director de cine, Oliver Laxe, quen falará da travesía da súa película Mimosas, de 12.00 a 14.00 horas.
Pola tarde, as actividades continúan no edificio La Molinera desenvolverase relatorios sobre as tendencias na cultura dixital, na que participará, ás 16.00 horas, de Ouishare, Pako Rodríguez, quen falará da economía colaborativa; ás 17.30 horas será a quenda para o director do ESEI Campus de Ourense, Fran Rodríguez, o director do Outono Fotográfico, Xosé L. Vázquez e o director xeral VEGAP, Javier Gutiérrez, que debaterán sobre A fotografía ante a economía do coñecemento. Por último, ás 19.30 horas, o director de contidos de El País Retina, Jaime García ofrecerá un relatorio sobre Tendencias ”17.
Por outra parte, o Polideportivo do Campus de Ourense acollerá, a partir das 18.00 horas, o comezo da ICC Technium Lan Party.
Comezou a Ourense a ICC Week abordando os desafíos da comunicación e a cultura ante o reto dixital
Compartir Este Artigo

