A aplicación compostelá Desafío Comercial SCQ, ferramenta para amosar novas facianas dos establecementos da cidade, vén de ser actualizada polo Concello con novas funcionalidades e novos premios. A app, que está dispoñible para iOS e para Android, completou a súa oferta de recompensas con 20 paquetes de experiencias consistentes en xantares ou ceas para dúas persoas e noites de hotel con almorzo e acceso a spa, a escoller entre restaurantes e hoteis de toda España. Como lembraremos, Desafío Comercial SCQ comezou a súa andaina no pasado mes de novembro, sendo o seu cometido mergullar á cidadanía no pequeno comercio emblemático de Compostela “dende unha perspectiva lúdica”. Segundo explicou daquela o Concello, “o obxectivo pasa por buscar e atopar anécdotas e curiosidades que nos fan superar os retos do xogo e nos permiten gañar numerosos premios”.
A aplicación segue a historia de Rosa López Comunión, Rosita, personaxe compostelán dos anos 20, á que ás persoas usuarias deben axudar a atopar o contexto, a historia ou a anécdota asociada a determinados obxectos.
Os obxectos que as persoas usuarias teñen que atopar están relacionados cos oito comercios emblemáticos do 2016. Dese xeito, haberá que atopar un sombreiro (Sombreirería Iglesias), un gramófono (A Grileira), botes de esencia e musgo de Compostela (Farmacia Bescansa), un vestido (Tintorería Moderna), uns pendentes (sucesores de Bernardino Otero), unha cesta (Castañeiro), unha cunca (Ferretería Cruz), e un libro (Librería Pedreira).
Neste ano 2017, a aplicación foi mellorada polo Concello, ofrecendo ao xogador/a novas ferramentas e novos agasallos como os que citamos máis arriba (os 20 paquetes de experiencias devanditos). Estas novidades engádense ás recompensas xa dispoñibles o ano pasado: reloxos intelixentes, baterías para móbil e paraugas automáticos serigrafados.
Entre as novidades acabadas de introducir figura a seguinte: a persoa usuaria terá a posibilidade de consultar a estocaxe dos premios dende o menú da app, que lle informará de se quedan moitas, poucas ou ningunha unidade mediante a identificación das cores verde, laranxa ou vermella, respectivamente. Ademais, informou o Concello de Santiago, amplíase o número de premios que pode obter cada xogador/a. De feito, antes cada xogador/a podía obter un único premio, de menor ou maior categoría segundo optase por plantarse nun determinado momento ou seguir xogando e acadar así o premio maior. Agora admítese a acumulación de ata tres premios pola superación escalonada dos oito xogos de Desafío Comercial SCQ, identificados con cada un dos oito obxectos de Rosita. Cada xogador/a poderá obter ata tres premios.
Outra novidade é que os premios poderán recollerse tanto no Departamento de Comercio, mediante o envío dun e-mail ao enderezo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal, coma solicitar o envío mediante correo postal.
A aplicación Desafío Comercial SCQ estrea novos premios e funcionalidades
Compartir Este Artigo

