O Consorcio da Zona Franca de Vigo vén de amosar ao detalle un dos principais usos que lles podemos dar ás novas tecnoloxías e nos que non sempre reparamos como é debido: favorecer a procura de novos mercados das nosas PEME. Este de achegar o potencial das TIC para a internacionalización foi o cometido hoxe do primeiro dunha serie de catro seminarios (o ciclo Demolabs para a internacionalización) organizados polo Consorcio. Na apertura, a delegada Teresa Pedrosa salientou que “con estas xornadas buscamos apoiar ás empresas aumentando o seu coñecemento acerca das novas ferramentas e das saídas ao exterior que estas proporcionan”. En base a isto, a xornada serviu para presentar unha guía de balde a xeito de mapa de recursos TIC para o espallamento empresarial: unha guía permanentemente actualizada que fai especial fincapé na oferta de tecnoloxías de distintos provedores galegos.
Pedrosa tamén lembrou que os catro devanditos seminarios serán achegas divulgativas sobre o potencial das novas tecnoloxías no proceso de internacionalización das PEME. Desenvolveranse durante os meses de maio e xuño centrándose cada un deles nunha do catro grandes fases dun proceso de internacionalización. Hoxe comezou coa identificación de mercados; o vindeiro xoves día 25 tratará da promoción internacional; o mércores, 7 de xuño, da venda internacional e o do xoves 29 de xuño, abordando a xestión de operacións internacionais. As dúas vindeiras xornadas celebraranse na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra e a participación é de balde previa inscrición a través da web demolabs.czfv.es.
Durante o primeiro Demolab , dirixido a unha fase clave da estratexia internacional dunha empresa como é a identificación do mercado de destino, expertos pertencentes ao tecido empresarial TIC galego, en concreto das empresas SIMCe, Linknovate e Alia Technologies, presentaron as ferramentas tecnolóxicas que se consideran “de maior utilidade” nesta fase da internacionalización: a vixilancia competitiva e a business intelligence. Os expertos tamén debullaron experiencias doutras empresas exportadoras galegas que utilizaron con éxito estas ferramentas. A xornada contou tamén coa presenza da empresa Coplant Galicia, que relatou de primeira man como o uso destas ferramentas potenciou a súa actividade internacional.
Como complemento ao seminario, púxose a disposición dos asistentes o devandito Mapa de tecnoloxías para a internacionalización, en palabras do Consorcio “unha breve guía que recolle os principais mecanismos tecnolóxicos que as PEME poden utilizar para detectar información relevante para o seu acceso a mercados exteriores e procesala de maneira que sexa útil aos obxectivos estratéxicos devanditos, durante e despois do seu chimpo ao mercado internacional”.
En cada seminario, recoñecidos expertos do tecido empresarial TIC de Galicia presentarán de maneira práctica as tecnoloxías de apoio existentes para a fase do proceso de espallamento cara a novos mercados abordada. Cada evento contará tamén coa participación de PEME galegas que mostrarán a súa experiencia no emprego destas tecnoloxías durante os seus respectivos procesos de internacionalización.
A Zona Franca fornece ás nosas PEME dun mapa de ferramentas TIC para a busca de mercados
Compartir Este Artigo

