
A conferencia de Baratta insírese no ciclo Líderes que inspiran seguridade da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade da Universidade de Vigo, que ten a finalidade, segundo explicou o director da Escola, Íñigo Cuiñas “de pór en valor a ciberseguridade para que a xente teña en conta a importancia deste ámbito, que non só afecta a persoas ligadas ao mundo das telecomunicacións ou da informática, senón a calquera persoa que manexe información dixital”.
Segundo explicou Baratta facendo fincapé nos importantes camiños profesionais que se abren ao abeiro da salvagarda dos datos, das redes, dos servidores e das comunicacións, a ciberseguridade é “una condición inherente ao modelo dixital e imprescindible para o correcto funcionamento e desempeño da sociedade nel, e responde así mesmo ao traslado e auxe da delincuencia nestes novos escenarios”. En consecuencia, o regulamento en sectores como a administración, o financeiro e as telecomunicacións “esixe altos niveis de ciberseguridade para dar resposta a estes novos retos”.
Co dito relatorio inaugurouse o ciclo Líderes que inspiran seguridade da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade, que terá continuidade o vindeiro mes de setembro con novas conferencias, nas que se abordarán diferentes temáticas relacionadas co ámbito da protección e a salvagarda dos datos e das comunicacións.
Roberto Baratta expón as múltiples saídas profesionais do alumnado especializado en ciberseguridade
Compartir Este Artigo

