Finalmente celebrouse entre o 8 e o 12 de maio, no Campus de Pontevedra e da man da Vicerreitoría, a cuarta edición da Semana de Recollida de RAAE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos). A actividade, desenvolvida ao abeiro do proxecto Green Campus, permitiu recadar unha manchea de refugallos TIC para o seu correcto tratamento (respectuoso co medio ambiente e coa sustentabilidade). Refugallos como móbiles, cables, cargadores, impresoras, pantallas, computadores, altofalantes e electrodomésticos en xeral. En total, a campaña foi alén do centenar de obxectos recollidos. Agora, coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, serán trasladados a un xestor autorizado.
Dirixida tanto á recoller unha serie de dispositivos que funcionan con baterías e que resultan contaminantes para o medio ambiente como a promover a concienciación da comunidade universitaria ao respecto, esta cuarta semana de recollida péchase “cun balance que ten que ser positivo, porque segue contando coa implicación da comunidade universitaria”, salienta o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela.
A maior parte dos aparellos procederon da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Casa das Campás, onde se superou (en ambos casos) a ducia de electrodomésticos e dispositivos informáticos, xunto con numerosos cables e ratos. A campaña, amais de material estritamente informático, permitiu tamén recoller outra serie de electrodomésticos, como catro torradoras, unha cafeteira ou as dúas aspiradoras depositadas na sede da Vicerreitoría.
“O obxectivo máis inmediato é retirar da circulación estes aparellos, pero a medio prazo é concienciar de que non se poden botar por aí en calquera colector e creo que nese senso estamos na boa liña”, engade o coordinador desta iniciativa, que como sinala “haberá que agardar aos vindeiros anos” para constatar se segue contando, edición tras edición, coa implicación “dun grupo máis ou menos amplo de xente”.
O Campus de Pontevedra recolleu un centenar de aparellos informáticos para o seu correcto tratamento
Compartir Este Artigo

