
Segundo nos conta o CITIC, as xornadas acubillarán debates arredor das tendencias actuais e os retos da xestión de espazos de I+D coa “finalidade de obter recomendacións para a organización destes centros dende os planos xurídico e de xestión de recursos, así como de promoción e comercialización dos resultados da Investigación e o Desenvolvemento”.
Estas xornadas, que contarán con tres mesas temáticas de debate, teñen como obxectivo “reforzar o papel dos centros de investigación como entes áxiles e eficaces que relacionan a universidade e os sectores produtivos”. As temáticas a tratar nas mesas de debate son as seguintes: primeiro, modelos actuais de organización e xestión de centros de investigación no ámbito universitario; segundo, implicacións da forma xurídica na organización e nos modelos de xestión dos centros de investigación; e terceiro, gobernación da I+D+i e da valorización dos resultados dos centros de investigación.
Contarase coa participación dos nosos cinco centros singulares de investigación (CiQUS e CiMUS da USC, CINBIO e ECIMAT da UVigo, e CITIC da UDC) e das dúas agrupacións estratéxicas consolidadas (CiTIUS da USC e AtlantTIC da UVigo) do Sistema Universitario Galego. Asemade, estará representada a agrupación estratéxica CICA da UDC. Igualmente, contarase coa presenza do CSIC, de centros de investigación estatais, como o centro de excelencia Severo Ochoa, e internacionais, como o INESC-TEC de Portugal.
Os nosos centros de investigación xuntan forzas na procura dos mellores modelos de xestión
Compartir Este Artigo

