A 9ª edición da Competición de Robots da EEI virá con novas probas, sorteos e o reto Compyrobot
martes, 13 de xaneiro do 2026
A Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo vai celebrar a novena edición da súa Competición de Robots ou RobotFriday, como popularmente se coñece. O programa inclúe sorteos de kits e, entre outras moitas cousas, o agasallo dunha réplica do tapete da competición para as 25 primeiras inscricións.
Tamén o reto Compyrobot, organizado en colaboración coa empresa Binarial, no que participan estudantes e docentes da decena de centros que formaron parte da edición previa (que tiveron que mapear esta tempada unha ruta de cando menos 20 metros nos seus respectivos centros para percorrela do xeito máis eficiente posible co robot móbil Compy, de Binarial). A Competición de Robots da EEI celebrarase o 17 de abril na sede do campus das Lagoas da EEI.
O prazo de inscrición para que o alumnado de ESO, Bacharelato, FP, universidade e outras titulacións oficiais poida participar na Competición abríase este pasado luns 12 de xaneiro e nas primeiras horas o número de centros rexistrados xa superaba os 40, unha cifra que a organización considera un éxito e que agardan se achegue, ao rematar o período de inscrición, aos 100 equipos e 500 participantes.
“Resulta moi difícil facer unha previsión, máis tendo en conta que na última edición, con motivo do 10º aniversario, a resposta foi das mellore. A nosa intención non é bater ningún récord, o que queremos é que sexa unha xornada na que estudantes e docentes poidan pór a proba o seu talento e compartir unha experiencia enriquecedora e fomentar as disciplinas STEAM”, explica Juan Pardo Froján, docente e investigador do Departamento de Organización de Empresas e Márketing e ex director da EEI.
Xunto ás tres persoas que levan a maior parte do peso da organización do evento, unha vintena de estudantes colaboran cada ano no desenvolvemento das probas, mentres que o PTXAS de conserxería axuda no envío de material aos centros, a preparación de tapices e sinalización o día da competición. “Aínda que non hai unha estrutura formal permanente, sempre contamos con xente disposta a colaborar porque é unha actividade na que a xente disfruta e pon o seu grao”, sinala Juan Pardo.
Mentres o alumnado de ESO e Bacharelato competirá na categoría BE-Robot, o estudantado de FP, titulacións universitarias e outros títulos oficiais fará o propio na categoría DEMO-Robot. En ambos os dous casos, os equipos deberán enfrontar unha serie de probas nas que os seus robots, dependendo da categoría, deberán amosar as súas habilidades seguindo un camiño marcado no chan; sacando obxectos dun recinto; atravesando un labirinto no menor tempo posible; ou desprazando outros robots fóra do campo de xogo.
Os tres primeiros equipos de cada categoría que acaden as maiores puntuacións na fase final serán premiados, outorgándose ademais un galardón á orixinalidade e o premio STEAM ao centro que participe co maior número de estudantes nas diferentes categorías do concurso.
