A 9ª edición da FIRST LEGO League Galicia contará con máis de 300 participantes

venres, 24 de febreiro do 2023 Redacción

A Universidade da Coruña organiza, por noveno ano consecutivo, a FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia), o vindeiro sábado 4 de marzo, no Campus Industrial de Ferrol, entre as 9:00 e as 18:00. Nesta edición, participan un total de 44 equipos (22 na categoría FLL Challenge, 21 na FLL Explore e 1 na FLL Discover) e máis de 300 mozos e mozas de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia.
A sala anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu hoxe a presentación desta novena edición á que asistiron a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández, a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao Rodríguez, o concelleiro delegado da Área de Cultura, Educación, Universidade, Deportes e Festas do Concello de Ferrol, Antonio Golpe Díaz, a directora do Campus Industrial, Ana Ares Pernas, e o director comisionado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Andrés Piñón Pazos.
Na súa intervención, o coordinador da FIRST LEGO League Galicia, José Antonio Becerra Permuy, explicou que, nesta novena edición, o torneo volve ao Campus Industrial de Ferrol xa que as presentacións dos Proxectos de Innovación se farán nas aulas da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e nas da Facultade de Humanidades e Documentación mentres que o Xogo do Robot se disputará no Pavillón de Esteiro e a entrega de premios terá lugar, en horario de tarde, no Auditorio de Ferrol. Do mesmo xeito, lembrou que a primeira edición tivo lugar no Salón de Actos Concepción Arenal do campus ferrolán, a segunda no campus da Coruña, e, desde a terceira ata a actualidade, no Auditorio Municipal de Ferrol e no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño agás no ano 2021 que foi integramente en liña por mor da COVID-19.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego – dependente da Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade –, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol. Ademais, patrocinan a FLL Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Gadis, R Cable, ERROR! Ferrol, PuntoGal, Neodyn e Todo Ocio.

PUBLICIDADE