A Amazfit Band 5 chega a Europa integrando Alexa

xoves, 8 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Hai uns meses Xiaomi presentou a Mi Smart Band 5, unha pulseira de actividade con pantalla de 1,1 polgadas que actualmente véndese en España por 39,99 euros na súa versión sen NFC, e para a que vén de chegar a Europa unha competidora moi directa, xa que é do mesmo fabricante (Huami) baixo unha marca de seu, a Amazfit Band 5.
Esta nova pulseira de actividade, cun prezo oficial de 59,99 euros, pero que actualmente teñen de oferta na súa páxina web oficial a 44,90 euros, externamente é cuspidiña á Mi Smart Band 5, pero diferénciase principalmente por incluír un par de prestacións adicionais bastante interesantes, como pode ser a monitorización da saturación de osíxeno en sangue (valor que están a incorporar boa parte das pulseiras deportivas nos últimos meses, en boa medida por mor do coronavirus, xa que unha caída deste valor pode ser un síntoma que alerte de padecer a COVID-19) e a incorporación do asistente Alexa de Amazon para realizar preguntas, consultar traducións, configurar alarmas, comprobar o estado do tempo ou incluso controlar os dispositivos conectados no fogar.
Polo demais estamos ante unha pulseira de actividade con prestacións moi coñecidas, como un bo sistema de notificacións do teléfono, control da reprodución musical, 11 modos deportivos, monitorización cardíaca, monitorización do sono, seguimento do ciclo menstrual, disparo remoto da cámara do móbil, resistencia á auga e unha autonomía duns 15 días para un uso normal.

A Amazfit Band 5 é básicamente unha Mi Smart Band 5 mellorada, pero só dispoñible con correa en cor negra

PUBLICIDADE