A Asociación PuntoGal colabora coa tradución ao galego de Firefox

luns, 3 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Durante a celebración do Culturgal, no Espazo Foro, a Asociación PuntoGal presentou a súa nova liña de colaboración con proxectos de localización de software en galego e de ferramentas TIC útiles para a comunidade. Destacouse un proxecto piloto para patrocinar a tradución e mellorar as ferramentas do navegador Firefox.
En colaboración co coordinador das traducións ao galego en Mozilla, Enrique Estévez, e co Proxecto Trasno, que agrupa aos tradutores ao galego de proxectos de software libre, PuntoGal propiciou a posta ao día completa da última versión do navegador (v65), tradución que manteñen voluntarios da comunidade, para que poida ser utilizada en galego.
Deste xeito, recuperouse o 100% da interface incluíndo parte das súas funcionalidades que nunca fora posible ter adaptadas aos galegofalantes, obtívose unha memoria de tradución que será reutilizable publicamente, traduciuse o instalador para Windows, as páxinas informativas desta versión e a integración do corrector ortográfico de galego tamén na súa última versión (a 18.04).
Nos vindeiros meses, o dominio activará novos proxectos destas características en colaboración con persoas e entidades vinculadas á Rede en Galicia.

PUBLICIDADE