A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago apúntase cunha manchea de actividades á International Games Week
venres, 13 de outubro do 2017
O
evento International
Games Week, como o seu nome indica unha semana de actividades
sen fronteiras arredor dos xogos (os xogos como instrumento para a
educación e a solidariedade, non como simples recursos para sermos
máis competitivos), vai ter participación galega. Máis en detalle
a da Biblioteca Pública de Santiago, a Biblioteca Ánxel Casal, que
vai concorrer por vez primeira nun evento que vén da man da fronte
común das bibliotecas norteamericanas (a entidade ALA, American
Library Association) e no que tamén toman parte activa milleiros de
voluntarios de todo o planeta “reconectando comunidades” mundiais
a través das súas bibliotecas e a través da que, alén da lectura,
vén sendo a cousa que máis teñen en común estas comunidades: a
arela de xogar. A
Semana dos Xogos da Biblioteca Ánxel Casal desenvolverase do 27 de
outubro ao 3 de novembro. Boa parte do programa de actividades terá
un cariz dixital.
Por
exemplo a primeira Xornada League of Legends, que se celebra o
27 de outubro en horario de 17.00 a 21.00 horas no salón da actos da
biblioteca compostelá. Esta xornada incluirá unha clase maxistral a
cargo dun ex-xogador profesional e unha competición (o primeiro
torneo LOL BPS). Ademais, segundo sinala a biblioteca, achegaráselles
aos participantes unha ocasión inmellorable para coñecer outros
seareiros de League of Ledends. A entrada a esta quedada será
libre ata completar a capacidade da sala.
Amais
da dita actividade, a Biblioteca Ánxel Casal manterá dende o 23 de
outubro ata o 3 de novembro unha mostra bibliográfica arredor da
temática da International Games Week, a mostra Xogos e
videoxogos, visitable no segundo andar do edificio.
Por
outra banda, os días 30 e 31 de agosto celebraranse unhas xornadas
de xogos libres, tamén no salón de actos e consistindo nun convite
directo aos seareiros para acudir, xuntarse e interactuar con todo
tipo de xogos de mesa. Estes mesmos días a xoguetería Chafarís,
situada na Algalia de Arriba, organiza unhas xornadas de xogos de
lóxica para nenas e nenos de 2 a 13 anos, na sala de actividades
infantil (primeiro andar), con horario de 16.30 a 20 horas.

- Fachada da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago
A
maiores, entre o luns 30 e o venres 3 de novembro, levarase a cabo a
actividade Xogamos coas tabletas, no segundo andar da
biblioteca. Trátase dun convite a probar as tabletas da Ánxel
Casal, cargadas para a ocasión con xogos que estarán dispoñibles
unicamente durante a International Games Week.
O
día 3 de novembro, amais de todo o devandito, celebrarase unha
xornada divulgativa sobre videoxogos. Será no salón de actos, con
entrada libre ata completar a capacidade da sala e en horario de 18
a 19 horas. Falarase do poder dos videoxogos para achegarnos vantaxes
na nosa vida formativa e social... ou todo o contrario, dependendo do
uso que lles deamos (beneficios e posibles riscos). Segundo informa
a biblioteca, trátase dun espazo de encontro para o coñecemento das
propostas lúdicas dixitais que temos no mercado, incidindo nos
diferentes tipos de achegas, nos seus efectos positivos e nas
principais preocupacións que xeran, afondando tamén nas
repercusións de empregalos no ámbito do fogar. A sesión estará
guiada e dinamizada por Silvia López Gómez, asesora pedagóxica e
deseñadora de xogos serios en DIMElab. A xeira de divulgación
estará aberta a todos os públicos: nais, pais, adolescentes, avós,
avoas, nenas e nenos.
Amais
da dita sesión, ás 19.15 horas está previsto que se presente o
monográfico Aprendendo con videoxogos, pormenorizado
estudo-investigación elaborado para o número 68 da Revista
Galega de Educación. Participan Xesús Rodríguez Rodríguez
(director) e Silvia López Gómez (coordinadora).
Amais
de todo isto, na mesma xornada do 3 de novembro, darase a coñecer
(ás 20.00 horas) o libro Historia de Nintendo: más de 125 anos
de entretemento do documentalista Uxío Pérez.
Trátase, en palabras da biblioteca compostelá, dunha “obra
divulgativa sobre esta coñecida empresa que nos sorprende de
principio a fin pola súa evolución e a enorme cantidade de feitos
curiosos que protagonizou en todo o mundo”. Neste estudo, o autor
fai tamén un repaso ás sagas ou xogos que “foron verdadeiros
éxitos de ventas” ou nacementos accidentados coma o de Mario,
“todo acompañado dunha sólida base documental para ilustrar cada
unha das explicacións”, engade a Biblioteca Ánxel Casal.
