A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago inicia un servizo de préstamo de tabletas

luns, 16 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

JPEG - 361.6 KB
Fachada da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago

A partir deste 16 de abril, segunda feira, os usuarios da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal van ter a posibilidade de empregar nas salas de lectura unha tableta co fin de ler libros electrónicos, facer traballos, navegar por Internet, estudar ou mesmo xogar. Os requirimentos que se esixen son (entre outros) os seguintes: que quen pide o dispositivo en préstamo sexa maior de 18 anos, que non se use ou grave software ilegal e que non se acceda a contidos pornográficos, violentos ou xenófobos.
O préstamo das tabletas realizarase no mostrador de información do andar baixo e os trebellos só de poderán empregar dentro do edificio da biblioteca, sendo o prazo máximo para darlles uso dun día (deberá devolverse no dito mostrador sempre unha hora antes do peche do centro).
Polo que se refire á ficha técnica dos dispositivos, trátase de modelos Samsung Galaxy Tab 3 cunha
pantalla de 10 polgadas, procesador dual-core de 1.6GHz, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento, cámara traseira de 3 MB, cámara frontal de 1.3 MB e acceso Wi-Fi. Funcionan baixo sistema operativo Android 4.4.2. e préstanse coa configuración de fábrica. Instala só aplicacións móbiles da Play Store.

PUBLICIDADE