A CRTVG estrea plataforma audiovisual en liña: AGalega

mércores, 17 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Esta tarde a Cidade da Cultura acolleu a gala de presentación de AGalega, a plataforma dixital de contidos audiovisuais da CRTVG, que facilita o acceso aos contidos de ficción, lecer, cine, series, animación, documentais, podcasts, directos e contidos exclusivos, converténdose na plataforma audiovisual en galego de referencia.
AGalega incorpora máis de 1.400 contidos audiovisuais dispoñibles baixo demanda, que van dende contidos clásicos da TVG até espazos nacidos directamente para a plataforma que actualmente está dispoñible vía web, a través de aplicacións móbiles (para dispositivos con iOS e Android), e tamén con aplicacións para televisores (polo momento para os dispositivos con Google TV, pero no mes de febreiro chegará tamén a televisores das principais marcas).
Son especialmente salientables os contidos para os cativos, coa renovación da aplicación de Xabarín (dispoñible para móbiles Android e iOS), que incorpora novidades como Os Argonautas e a moeda de ouro ou Valentina, á vez que tamén facilita o acceso ás canles en directo orientadas a cativos de distintas idades (Pequerrech@s, Cativ@s e Mociñ@s ), Xabarín TV e Radio Picariña.
A Radio Galega tamén se incorpora a esta revolución con AGalega Audio, plataforma web e para dispositivos móbiles Android e iOS, que inclúe todos os servizos e canles da emisora pública, como as emisións en directo, os contidos en vídeo dende o estudio multimedia e incluso contidos creacións exclusivas para consumir en liña en formato podcast.
As tres faces de AGalega ofrecen a función de rexistro de usuarios, o que resulta máis que recomendable para poder obter unha experiencia personalizada.
Cómpre indicar que aínda fallan moitos contidos da CRTVG por incorporar á nova plataforma, aínda que é máis salientable o feito de que vaia contar con material que se estreará en primicia en AGalega, como as novas series Guassap e Na Gloria, o documental Os sen nome, a película de animación Valentina e mesmo unha sección musical chamada Palco que se estrea cun concerto de Amancio Prada coa Filharmonía de Galicia, entre outros moitos contidos.

Gala na Cidade da Cultura

A gala de presentación de AGalega tivo lugar este mércores na Cidade da Cultura, estando conducido o acto por Esther Estévez e Miguel Mandayo. Contou coa intervención de Xosé Pereira, director da área de Innovación e Negocio da CRTVG, e Rosa Vilas, adxunta da dirección xeral e directora de Organización e Xestión do Cambio. Pechou o evento o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.
Entre os máis de 250 asistentes contábase unha nutrida representación de autoridades, con presenza de directores xerais doutros entes da FORTA, do sector audiovisual galego e tamén de traballadores da Corporación.