A Cámara da Coruña abre o prazo para solicitar as axudas de Xpande Dixital 2023

luns, 6 de marzo do 2023 S. P.

A Cámara da Coruña vén de abrir o prazo de solicitude de axudas para a convocatoria do programa Xpande Dixital 2023, dirixido a pemes e micropemes da demarcación cameral interesadas en incrementar as súas vendas a través do impulso da canle online.
O programa, para o que a Cámara conta cun orzamento de 76.800€, ten como obxectivo principal “fomentar e potenciar o uso das ferramentas de mercadotecnia dixital como ferramentas básicas para mellorar o posicionamento das pemes en mercados internacionais, a través dun asesoramento personalizado organizado en varias fases, e dun paquete de axudas ao investimento que poden chegar aos 3.200€ por empresa”.
Nunha primeira fase de asesoramento, totalmente gratuíta para a empresa, os profesionais da Cámara realizan unha análise pormenorizada da compañía co obxecto de desenvolver un informe de recomendacións e un plan de acción en marketing dixital. A continuación, procédese á posta en marcha do plan de acción, un conxunto de accións destinadas a “fortalecer a posición competitiva da empresa no mercado obxectivo e para o produto ou servizo que seleccionase previamente”, segundo informou a entidade cameral coruñesa, salientando que as accións estarían subvencionadas ao 80% e que entre estas accións inclúense as seguintes, entre outras: uso de plataformas de venda online internacionais, campañas de publicidade en redes sociais noutros mercados, planificación de estratexias SEO e SEM ou o axuste das páxinas web das empresas coruñesas de fronte a venda en liña internacional.
A Cámara engade que ao inscribirse en Xpande Dixital 2023, as empresas optan a unhas axudas que poden chegar ata 3.200€. Hai 10 prazas dispoñíbeis e o prazo de solicitudes chegará ao seu remate cando se esgoten as prazas ou o 13 de marzo de 2023.
Ao redor de de 120 empresas coruñesas dos sectores sanitario, turístico, inmobiliario, téxtil, naval, de RRHH ou TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) afianzaron a súa estratexia en liña internacional en países como EEUU, México, Francia, Italia, Portugal, UK, Emiratos ou Alemaña, entre outros desde o inicio da súa actividade.
Xpande Dixital 2023 é un programa que xestiona a Cámara de Comercio e que está co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

PUBLICIDADE