A Cámara de Santiago achegará formación e asesoramento TIC na súa Oficina Acelera PEME

luns, 6 de febreiro do 2023 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela en colaboración coa Cámara de Comercio de España e entidade público-empresarial Red.es puxeron en marcha a Oficina Acelera PEME da entidade cameral compostelá, un servizo gratuíto no que as pequenas e medianas empresas e as persoas emprendedoras e autónomas poden acudir para coller impulso nos seus proxectos e plans de transformación tecnolóxica.
En concreto, obterán apoio e formación para o seguinte: asesorarse e resolver dúbidas sobre dixitalización, informarse sobre subvencións e axudas dispoñíbeis e coñecer información actualizada sobre a tecnoloxía existente neste momento. As persoas e empresas interesadas tamén poden asistir ás xornadas sobre as diferentes vertentes da transformación dixital.
O obxectivo é axudar ás pemes e autónomos a ser máis competitivos mediante o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Tamén máis en concreto, “impulsar a transformación dixital mediante a adopción dunha cultura, uso e aproveitamento permanente das TIC nas estratexias empresariais, mediante un proceso de acompañamento e a través dunha oferta de ferramentas clave que maximicen a produtividade e competitividade, tanto a nivel nacional como internacional”.

PUBLICIDADE