A Cátedra Feminismos 4.0 constata o importante número de insultos que reciben as mulleres en Twitter
martes, 2 de marzo do 2021
A
Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo é xa por dereito propio unha das
fontes máis relevantes de información tecnolóxica dende unha
óptica de xénero, non só polo que pon de manifesto a nivel
xenérico (fendas dixitais, invisibilidade das tecnólogas e das
científicas, desigualdades que se agrandan nas carreiras STEM,
machismos que inzan as redes sociais) senón polo específico das
investigacións que abrollan da cátedra. Este primeiro de marzo
puidemos coñecer un traballo realizado polo profesor da Facultade de
Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e a
investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro que pon de
manifesto o papel que xoga Twitter en materia de discriminación e
agresións verbais, un problema que se ceba especialmente coas
mulleres e, especialmente, coas xornalistas e coas políticas.
“Twitter
revélase como un territorio hostil para as mulleres, con especial
incidencia naqueles ámbitos de maior proxección pública, como a
política e a comunicación, que cumpren unha función esencial nas
sociedades democráticas”. Esta é unha das principais conclusións
do
proxecto Mulleres pontevedresas na rede. Análise do sexismo,
misoxinia e discurso do odio en Twitter, seleccionado na
convocatoria de investigación da cátedra que promoven a
Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. O traballo
baseouse na análise das publicacións realizadas ao longo dun ano
por 50 mulleres de “recoñecido prestixio”, 22 delas vinculadas á
provincia de Pontevedra, así como das interaccións cos seus perfís
dos usuarios e usuarias desta rede social. En total, Rolán e Piñeiro
analizaron máis de 550.000 chíos, entre os que detectaron 62.560
que contiñan insultos e comentarios ofensivos, a meirande parte, o
96%, dirixidos a políticas e xornalistas.
“Este
estudo nace da crecente preocupación polo discurso do odio e sexismo
que atopamos día a dia na Internet”, sinalan os investigadores no
póster no que presentan as conclusións dun proxecto que se
completou coa creación dunha
páxina web e unha serie de podcast
nos que analizan os resultados da investigación.
A
análise abrangueu as 41.103 publicacións propias realizadas ao
longo dun ano por 50 profesionais e as 302.790 interaccións que se
produciron cos seus perfís, así como outras 208.797 “mencións
indirectas”, chíos que as nomeaban sen citar a súa conta nesta
rede social.
“Os
resultados son como para preocuparnos como sociedade supostamente
avanzada”, salienta Martínez Rolán do detectado nesta “análise
do contido da conversa social 2.0”. Así, as conclusións deste
estudo alertan do “sexismo imperante nos social media”, así como
da “normalización do discurso do odio” nas redes sociais.
O
proxecto comprendeu, en primeiro termo, unha “análise de contidos
automática, seguindo unha serie de palabras que nos permitiron
analizar o alcance do discurso do odio verbal en Twitter”. Nela,
detectáronse 62.560 publicacións que contiñan insultos, presentes
no 15% das interaccións directas cos diferentes perfís e no 10% das
mencións indirectas.
O
proxecto abrangueu tamén “unha medición de sentimento e análise
do discurso” de acordo coas categorías establecidas na pirámide
do odio da Anti-Defamation League, que agrupa os comportamentos
cargados de prexuízos en diferentes categorías. Esta análise
levouse a cabo cunha “submostra” composta por 666 chíos, todos
eles mencións directas. Desta serie de mensaxes só o 15% foron
cualificadas como “positivas” polos investigadores, mentres que
nun 61% dos casos recibiron a consideración de negativas.