A Cidade das TIC contará con dous novos estudios audiovisuais
xoves, 3 de abril do 2025
A xunta de Goberno local da Coruña aprobou o permiso municipal para construír dous novos edificios, dedicados a estudios audiovisuais, na Cidade das TIC, antiga Fábrica de Armas da Coruña hoxe convertida en centro de coñecemento e innovación tecnolóxica. Os novos estudios, promovidos por Pedralonga Audiovisual, súmanse ao estudio inmersivo xa existente da Deputación Coruña (CEI). Ocuparán dúas parcelas que suman 6.640 metros cadrados, contan cun orzamento de execución conxunto de 4,1 millóns de euros e un prazo de execución de 36 meses.
"Estas actuacións reforzan o carácter da Cidade das TIC como polo estratéxico nos sectores do audiovisual e das novas tecnoloxías. Confirma o interese que está a espertar no sector un espazo que xa é referente en Galicia, e que o será aínda máis nun futuro, da man do rico tecido empresarial tecnolóxico existente na Coruña e na súa área, e tamén de organismos como a AESIA, en funcionamento xa na nosa cidade grazas ás xestións levadas a cabo por Inés Rey diante do Goberno de España", destacou José Manuel Lage, voceiro do Goberno municipal.
Por certo que a Cidade das TIC acollerá este xoves 3 de abril a sesión constitutiva do Consello de Administración da súa sociedade xestora, conformada polo Concello e a Universidade da Coruña co obxectivo de dinamizar e marcar a folla de ruta para impulsar as instalacións de Pedralonga e de abrir camiño a emprendedores, sinerxías empresariais e iniciativas en materia de investigación. O reitor da UDC, Ricardo Cao, presidirá o Consello de Administración ao longo deste ano, e será a partir do 1 de xaneiro de 2026 cando collerá a súa remuda a alcaldesa, Inés Rey.
