A Comisión Europea financia un consorcio anti-phishing

xoves, 14 de decembro do 2006 Fernando Sarasketa

Un claro e notorio caso de intento de phishing

A Comisión Europea quere combater a práctica do phishing coa axuda de quen –polo menos no plano teórico– máis sabe do tema logo dos propios phisers: as empresas e organizacións especializadas en seguridade e aplicacións.
Así o fixo saber estes días unha das firmas representantes deste grupo ou consorcio, Symantec, que vén de recibir fondos da Unión Europea xunto con Fraunhofer-Gesellschaft, Nortel, Katholieke Universiteit (K.U.) Leuven e Tiscali. A achega de cartos vai destinada principalmente á investigación.
O proxecto, chamado AntiPhish, terá unha duración no tempo de tres anos e o seguinte gran obxectivo: desenvolver tecnoloxías conxuntas para combater as prácticas do fraude en liña (principalmente bancario) e protexer e garantir a seguridade das infraestruturas de comunicacións a nivel mundial realizadas a través do correo electrónico.
Máis polo miúdo, o proxecto vai orientado a cumprir co obxectivo do Sexto Programa Marco para as Tecnoloxías da Sociedade da Información: achegar as mellores capacidades científicas para crear un marco de seguridade informática a escala mundial. Cómpre sinalar que o proxecto esixe que os socios acheguen unha contribución “única e esencial”.
Os traballos de investigación coordinaranse dende o Instituto para Análise Intelixente e Sistemas de Información de Fraunhofer-Gesellschaft, organización dedicada ás investigaciones aplicadas en Europa e situada en St. Augustin, Alemaña.