A Comisión Europea investiga a prohibición de chatbots de terceiros en WhatsApp

xoves, 4 de decembro do 2025 Redacción

A Comisión Europea vén de iniciar unha investigación formal para determinar se a nova política de Meta relativa ao acceso dos provedores de intelixencia artificial a WhatsApp vulnera as normas de competencia da Unión Europea. A medida xorde tras a actualización anunciada pola compañía de Mark Zuckerberg en outubro, que restrinxe o uso da ferramenta WhatsApp Business Solution cando a empresa que emprega o servizo ofrece como produto principal unha solución baseada en IA.
Esta ferramenta permite ás compañías comunicarse cos seus clientes a través de WhatsApp, e é tamén o mecanismo que utilizan numerosos provedores de IA para integrar os seus asistentes conversacionais na plataforma. A nova política non prohibe por completo o uso de IA, mais limita o seu emprego a funcións accesorias ou de soporte (por exemplo, automatizar respostas en servizos de atención ao cliente). Segundo a Comisión, este cambio podería impedir que terceiros desenvolvan e ofrezan servizos de IA plenamente integrados en WhatsApp dentro do Espazo Económico Europeo (EEE).
Meta, con sede nos Estados Unidos e responsable de WhatsApp, Facebook e Instagram, planea implantar esta política mediante unha actualización das condicións de uso da API empresarial de WhatsApp. Para os provedores xa presentes na plataforma, os novos termos entrarán en vigor o 15 de xaneiro de 2026, mentres que para os que intenten incorporarse desde fóra xa se aplican desde o 15 de outubro de 2025.
A Comisión alerta de que a decisión podería bloquear o acceso destes competidores a unha canle esencial para contactar cos seus usuarios, ao tempo que mantén dispoñible Meta AI, o asistente propio da compañía. Por este motivo considera que a actuación podería constituír un abuso de posición dominante, en violación do artigo 102 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea e do artigo 54 do Acordo do EEE.
A investigación abranguerá todo o EEE agás Italia, país no que xa está en marcha un procedemento propio da autoridade nacional de competencia sobre a mesma cuestión, co fin de evitar duplicidades. O expediente insírese no labor de seguimento que a Comisión realiza sobre o mercado europeo da intelixencia artificial desde 2024, incluída a publicación dun documento de política para orientar futuras actuacións.