A Deputación de Ourense, pioneira en formar pilotos de drons para emerxencias

martes, 26 de setembro do 2017 Redacción

A Deputación de Ourense organiza, en colaboración co Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento e da empresa galega Aerocamaras, o que sería, en palabras da entidade provincial, “o primeiro curso en España de piloto de drons para situacións de emerxencias con homologación”. A iniciativa formativa foi dada a coñecer este luns na sede provincial, nun acto no que participou o vicepresidente da entidade, Rosendo Fernández; o presidente do dito Consorcio e deputado provincial, Pablo Pérez; e o director executivo de Aerocamaras, Jaime Pereira. Entre os obxectivos do curso está o de fornecer de coñecementos para apoiar aos equipos que interveñen en situacións de emerxencia, facilitando tarefas como a visualización remota de espazos afectados a través de dispositivos tecnolóxicos, o transporte de material “e outras accións de apoio aéreo”.
En canto ao alumnado, Pablo Pérez dixo que se creará unha base no Carballiño con sete bombeiros formados onde vai estar esta unidade especialista de piloto de drons en situacións de emerxencia.
O curso, que formará a un total de vinte profesionais e voluntarios de Emerxencias, permitirá que os participantes obteñan un título homologado pola Academia Galega de Seguridade Pública (Xunta de Galicia), así como o certificado oficial da Axencia Estatal de Seguridade Aérea para ser piloto profesional de drons.
Tal e como explicou Jaime Pereira, a formación semipresencial comezou o día 18 de setembro, coa parte online do curso oficial de piloto de vehículos aéreos non tripulados, que terá as súas clases presenciais os días 23 e 24 de setembro no Pazo de Vilamarín. A parte dixital do curso de piloto de drons en situacións de emerxencias comezará o vindeiro 16 de outubro, mentres que a súa parte presencial será os días 25, 26 e 27 de outubro no Pazo de Vilamarín, no parque de bombeiros do Carballiño e no embalse das Conchas en Muíños, respectivamente.

PUBLICIDADE