A Deputación da Coruña intégrase no SIR, sistema que transmite documentos dixitalmente entre diversas administracións

mércores, 21 de decembro do 2016 Redacción

A Deputación da Coruña vén de dar un novo paso en materia de Administración Electrónica e interoperabilidade ao integrarse no Sistema de Interconexión de Rexistros (SIR). Este paso, en palabras da entidade provincial, sitúaa como “a primeira administración local de Galicia que se adhire a esta infraestrutura básica que permite o intercambio de asentos electrónicos de rexistro entre as administracións públicas de maneira segura e con conformidade legal. Entre outras cousas, o servizo implica que calquera cidadán “poderá enviar documentos de maneira inmediata a calquera entidade do estado”, a través da oficina de rexistro da Deputación.
A idea básica é suprimir papeis (grazas á xeración de copias auténticas electrónicas de documentación) e incrementar a eficiencia e a eficacia.
Na actualidade están integradas no SIR máis de 6.400 oficinas de rexistro da Administración do Estado, comunidades autónomas e entidades locais. O Ministerio de Facenda pretende que este sistema interconecte ás máis de 20.000 oficinas de rexistro presentes en toda España.
A Deputación comprometeuse a facilitar que os concellos que estean integrados na plataforma de administración electrónica provincial se vaian adherindo tamén ao SIR, “garantindo así que todos os cidadáns da provincia gocen do servizo”. Para iso, formará paseniño pero progresivamente aos municipios, comezando por Abegondo, Oroso e Ames.

PUBLICIDADE