A Deputación da Coruña licita o proxecto do edificio que acollerá o estudio audiovisual virtual na Cidade das TIC

venres, 17 de marzo do 2023 Redacción

A Deputación da Coruña licita a redacción e codirección do proxecto básico e de execución do novo edificio que acollerá o estudio audiovisual virtual que porá en marcha na Cidade das TIC. As empresas que opten a esta licitación poden presentar as súas ofertas antes do 30 de marzo e o orzamento base de licitación ascende a 120.600 euros.
Trátase do primeiro paso administrativo para a construción do inmoble que acollerá o proxecto Coruña Estudio Inmersivo (CEI) impulsado pola Deputación cun investimento total de 8 millóns de euros cofinanciado con fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e fondos propios da Deputación da Coruña.
O estudio audiovisual virtual vaise executar na parcela 19 da Cidade das TIC, nun edificio de nova construción, cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros van estar dedicados a albergar un plató de características únicas en España, con capacidade para recrear calquera escenario real ou de ficción. Nesta localización vaise instalar unha macropantalla LED que permitirá realizar esa función, e o resto vai estar asignado a funcións auxiliares deste plató principal, un espazo de case 200 metros cadrados para o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e de peitado, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dúas de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.
O estudio virtual de última xeración estará formado por un muro de pantallas LED de alta resolución dispostas nun arco de 20 metros de lonxitude e cun altura de oito metros e un teito de aproximadamente 30 metros cadrados.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, lembra que este proxecto suporá "a construción do maior estudio audiovisual virtual de España" e destaca que coa elección da Cidade das TIC como emprazamento "pretendemos crear sinerxías co sector tecnolóxico das entidades e empresas que aquí se instalen"
O estudio virtual permitirá crear contidos inmersivos para producións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos.