A Deputación de Lugo estrea o seu blog recadando fondos para Xapón

xoves, 17 de marzo do 2011 Raquel Noya

A Deputación de Lugo, na súa teima por acceder ás novas canles de comunicación e difusión de coñecemento e estar así máis preto da cidadanía, vén de crear un blog de seu na Rede, que se estrea acollendo unha iniciativa solidaria para enviar axuda a Xapón a través de Cruz Vermella Internacional.
Para isto, a entidade lucense abriu unha conta bancaria en Novacaixagalicia, onde baixo o concepto de Axuda a damnificados do terremoto e tsunami de Xapón, a cidadanía que o desexe poderá colaborar coas súas aportacións económicas na axuda dos feridos e na búsqueda dos desaparecidos.
O blog, moi accesible e funcional, configurouse como “un espazo innovador e vangardista” dende o que informar das principais novas que acontecen na provincia de Lugo, das novidades referentes á Deputación, porén, sobre todo, segundo indicaron fontes do organismo, “servirá para escoitar a opinión dos cidadáns e conversar con eles de forma natural e instantánea”.
Sen embargo, o blog non foi a única iniciativa online que a Deputación de Lugo levou a cabo nos últimos días xa que a esta ferramenta virtual hai que engadirlle a creación de perfiles en Facebook e Twitter, onde no seu primeiro día de actividade, o usuario @dipulugo, xa contou con 22 seguidores.
As accións na Rede complétanse cunha galería de imaxes en Flickr; unha canle en YouTube, e unha páxina en Tuenti, que segundo afirmaron “vaise estrear en breve”.

PUBLICIDADE