A Deputación de Lugo impulsará a formación TIC para os maiores a través do Servizo de Audiovisuais

venres, 14 de decembro do 2018 Redacción

A Deputación de Lugo está a blindar a súa política tecnolóxico-social en relación cos maiores da provincia, unha liña de traballo até o de agora despregada pola Fundación TIC. Así o fixo saber hoxe o presidente da entidade provincial, Darío Campos Conde, durante o transcurso da Festa do Nadal celebrada na cidade de Lugo, onde tamén concorreu a alcaldesa Lara Méndez. En termos máis concretos, o titular da Deputación referendou e ratificou o compromiso cos maiores do Goberno que dirixe, un compromiso que se materializará en programas para o uso das novas tecnoloxías a través do novo Servizo de Audiovisuais.
Esta iniciativa porase en marcha co ano novo, substituíndo o labor da Fundación TIC, en proceso de disolución. “Potenciaremos de maneira sensíbel esta actividade para achegala aos 67 concellos da provincia”, dixo.
Campos Conde fixo este anuncio durante a Festa de Nadal, coa que rematou a encomenda da Deputación á Fundación TIC para xestionar esta actividade. Campos e Méndez compartiron a xornada cos usuarios do InLugo, na que puideron levar a cabo diferentes accións colectivas de lecer, como xogar aos bolos coa X-Box, cantar panxoliñas coa axuda de YouTube ou fotografase en diversas localizacións grazas ao croma. Ademais, levaron un recordatorio especial: unha imaxe de grupo na que pousaron todos os participantes na xornada xunto co presidente e a alcaldesa.
Darío Campos engadiu que “a integración da Fundación TIC na Deputación implica un proceso administrativo complexo que vai supoñer unha parada nesta actividade, aínda que agardamos retomala durante o primeiro trimestre de 2019, incluso incrementándoa. Tomamos esta decisión porque cremos firmemente na utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida de todos os veciños da provincia, e moi especialmente dos máis maiores. En pleno século XXI son tan importantes as comunicacións por estrada como a comunicación a través das novas tecnoloxías”.
20.000 solicitudes desde 2013
Desde a súa creación en 2013, os cursos e obradoiros para maiores rexistraron arredor de 20.000 solicitudes, “unha demanda que foi medrando de maneira considerábel de ano en ano”. Segundo fixo saber Campos, isto reflíctese en datos como o feito de que no último trimestre de 2018 houbese máis solicitudes ca en todo 2015. “Nas enquisas de satisfacción que se fixeron desde a primeira tempada, a práctica totalidade dos usuarios amosou o seu desexo de repetir os cursos”, sinalou. Para dar resposta a esta demanda completouse a programación con talleres de reforzo.
O titular da Deputación tamén lembrou que dende 2016 duplicouse o número das actividades formativas máis solicitadas, que son as relativas ao uso básico do móbil e tableta ou de iniciación á Internet, así como os obradoiros de memoria e de estimulación cognitiva e funcional.
Seis anos cos maiores da provincia
O InLugo xurdiu en 2013 ao abeiro do programa InnovaTe, co-financiado nun 80% con fondos europeos e nun 20 % cos da Deputación. Unha vez rematado en marzo de 2015, a institución provincial asumiu o Plan con fondos propios a través dunha encomenda pola que a actividade pasou a ser xestionada pola Fundación TIC ata este 15 de decembro. Coa disolución da Fundación o 31 de decembro de 2018, a Deputación asumirá directamente esta actividade a través do novo Servizo de Audiovisuais.

PUBLICIDADE