A Deputación de Ourense, Premio Iniciativa da Administración do CPEIG

xoves, 27 de abril do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) comezou definitivamente a súa tempada de recoñecementos: os premios que anualmente concede a entidade profesional galega aos profesionais, institucións, organismos, asociacións, investigadores, centros tecnolóxicos e empresas máis destacadas da nosa terra no ámbito do impulso á Sociedade da Información. Sen ir máis lonxe, este mércores puidemos saber que o Premio Iniciativa da Administración do CPEIG vai ir dar á Deputación de Ourense pola súa iniciativa Ourense Provincia Intelixente. O xurado valorou “a aplicación do concepto de Smart City ao eido provincial”, de xeito que “unifica e centraliza esforzos nun gran proxecto cunha visión global da provincia”. O galardón entregarase no decurso da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que terá lugar en Santiago o vindeiro 16 de xuño. Xunto á Deputación de Ourense, outras entidades e persoas recibirán os seus premios.
Segundo explica o CPEIG, son moitos os ámbitos nos que destaca Ourense Provincia Intelixente. En termos concretos, o proxecto provincial de visión global sumará a xestión de 7.273 Km e solucións para os seus 424.652 habitantes, dos que 109.779 son residentes no exterior. O CPEIG tamén lembra que a iniciativa xa está en marcha (logo dunha primeira fase de análise e definición) e que se trata dun programa abeirado ao Plan Ourense 15/19 que recolle 77 accións a executar en 48 meses. Con estas accións, o obxectivo é “converter a provincia nun referente nacional e internacional”, de xeito que a Deputación sexa un “Concello de concellos” baixo unha visión global para atender os 92 municipios da provincia.
Á hora da concesión do galardón, os membros do xurado do CPEIG valoraron “a xestión da información dos concellos desde un punto de vista único con tres obxectivos: cooperación, optimización de recursos e redución de custos”. Deste xeito, sinalou o equipo encargado de facer as valoracións, “conseguirase a mellora do modelo de gobernanza; transparencia e apertura dos gobernos, e a mellora da calidade dos servizos prestados e control dos contratos de servizos, ao mesmo tempo que se optimiza a calidade medioambiental da provincia; a redución do gasto público e a mellora da coordinación entre servizos e administracións, así como o apoio aos gobernantes na mellora da toma de decisións, e o fomento da innovación e o emprendemento”, explicou o xurado.
Informar tamén que a plataforma Provincia Intelixente integrarase con sistemas expertos aplicábeis a cada eido temático: solución transversal para todos os sistemas de información, recompilación de información desde diversas solucións, analítica (descritiva e preditiva) da información recompilada, e interoperabilidade e reutilización. “Todo isto”, sinalou o xurado, “redundará nun gran obxectivo final, que é incremento da calidade de vida da cidadanía e xestión prudente dos recursos”.

PUBLICIDADE