A Deputación de Ourense impulsa cunha app a volta á normalidade do turismo provincial

martes, 2 de xuño do 2020 S. P.

A Deputación de Ourense presentou estes días unha iniciativa que aposta de cheo pola confluencia entre o turístico e do dixital, unha combinación de factores que leva anos achegando éxitos e que agora, por mor da crise sanitaria, redobra o seu potencial. Estamos a falar de Ourense destino seguro, unha plataforma dixital á que xa se poden adherir os establecementos para conseguir un distintivo que permitirá, en palabras da entidade provincial “dar maior visibilidade á provincia e xerar confianza no cliente para facilitar unha volta á actividade da maneira máis segura”.
Segundo fixo saber onte o presidente da Deputación, Manuel Baltar, trátase da “ferramenta turística máis avanzada e innovadora para xerar confianza e seguridade ás persoas que nos visiten na era post-COVID”.
Inclúe unha aplicación móbil que se pon o máis preto posíbel dos autónomos e das pemes da provincia: lánzase dun desconto do 50% para a súa integración nos establecementos e con cobertura de consultoría rebaixada á metade para os 50 primeiros locais que se dean de alta.
Trala ferramenta atópase a Deputación de Ourense e a firma Localsafe, que se unen neste proxecto conxunto para dar“visibilidade á provincia, seguridade aos establecementos adheridos e confianza a turistas”. A aplicación móbil xa se pode descargar dende a web de Localsafe e nela xa figuran máis de 15.000 preinscritos de ámbito estatal, sendo 500 deles da provincia de Ourense.
Na presentación da iniciativa, o presidente Baltar estivo acompañado por Diego Regueira, CEO de Localsafe, e Primitivo Ferro, director do departamento xurídico desta empresa. Manuel Baltar dixo que este selo de calidade “acredita que todos os establecementos abertos ao público da provincia de Ourense que se adhiran cumpren todas as garantías requiridas por sanidade e polos protocolos de seguridade no ámbito turístico referidos á COVID-19”, destacando que a provincia galega convértese “nun territorio líder en seguridade e confianza fronte ao coronavirus, en favor do turista que recibiremos a partir de agora, que será un turista de proximidade, que se desprazará en coche a un lugar preferentemente situado a unhas dúas horas do seu domicilio e que non estea masificado”.

PUBLICIDADE