A Deputación de Pontevedra acolle unha charla sobre ciberseguridade para a rapazada

mércores, 8 de febreiro do 2023 S. P.

En pleno ecuador da Tecnolóxicas Week, o salón de plenos da sede da Deputación de Pontevedra encheuse este mércores 8 de febreiro ao abeiro da nova actividade impulsada pola entidade provincial e ASIME para fomentar as vocacións técnicas entre a xente nova, con especial fincapé nas nenas e rapazas. Máis de 150 alumnos dos institutos Valle Inclán e Sánchez Cantón de Pontevedra asistiron á charla sobre ciberseguridade impartida por Belén Pérez, CISO (Chief Information Security Officer) de Nova Pescanova e coordinadora en Galicia do CCI (Industrial Cybersecurity Center). A presidenta provincial, Carmela Silva, asistiu a esta acción que forma parte dos 10 eventos programados ata o venres en concellos das 10 comarcas da provincia, xusto antes do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia que se celebra este mesmo sábado.
A presidenta asegurou que “estamos moi expostas e expostos ás redes sociais e os nosos datos poden empregarse para fins negativos”, polo que “é fundamental que na actividade educativa estea a realidade do mundo, porque é tecnolóxico e a intelixencia artificial é algo do presente”, reflexionou.
A tecnóloga Belén Pérez baseou a súa charla en catro alicerces: a identificación dos riscos no uso global das tecnoloxías da información e comunicación, os riscos e consecuencias do seu mal uso, a identificación de pautas para actuar e a adquisición de bos hábitos no seu uso. En canto aos perigos, salientou a tecnoadicción, considerada xa unha enfermidade pola Organización Mundial da Saúde. Segundo dixo, España é o país con maior proporción de adolescentes con tecnoadicción: afecta a arredor do 1,5% e 70.000 menores. Contra iso, asegurou, “debemos dosificar o seu uso” xa que se non, ademais de caer en posibles adiccións, “convertémonos nunha prolongación da tecnoloxía cando esta debería ser unha ferramenta de axuda para nós”.
No marco da Tecnolóxicas Week, tamén hoxe en Deza alumnado de 3º e 4º de ESO e FP de Silleda está a visitar as empresas Industrias Guerra e Sotega Noroeste S.L. Este xoves 9 de febreiro é a quenda de Cangas, onde Eliana Pardo (Business Development Manager de RIA 21) imparte unha charla sobre ciberseguridade para alumnado da ESO no Salón de Actos do Concello; e o Grove, cuxa Casa do Concello acolle de 17:00 a 18:00h un workshop de programación informática para nenos e nenas de 8 e 9 anos. Por último, as actividades rematan o venres nas comarcas de Ulla-Umia e Vigo: alumnado de Valga de 3º e 4º de ESO e FP visitará a empresa Extrusionados Galicia, e a sede de Vigo da Deputación acollerá ás 11:00 horas unha mesa coloquio con Amparo Alonso, Catedrática e Investigadora en Intelixencia Artificial da UDC; Lorena Rosende, directora executiva de Itera Técnica; Marta Fernández, xefa de proxectos de Gestamp e Icíar Balza, do Grupo Gonvarri Industries.

PUBLICIDADE