A Deputación de Pontevedra dota a 14 concellos da provincia de tótems turísticos interactivos
xoves, 9 de marzo do 2023
A
Deputación
de Pontevedra vén de dotar a 14 concellos turísticos da provincia
de cadanseus tótems interactivos que proporcionan información
turística en tempo real do destino ás e aos visitantes. A
instalación fíxose ao abeiro do proxecto europeo Tourist Inside.
Atópanse en Nigrán, Meis, Poio, Cuntis, Caldas de Reis, Cambados, A
Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Baiona, A Guarda, Salvaterra de
Miño, Silleda e Pontevedra, todos eles concellos con oficinas de
información turística adheridas á Rede Info Rías Baixas da
institución provincial.
A
deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, visitou os elementos que
veñen de ser instalados en Poio, concretamente na praza da Chousa de
Combarro, e en Meis, no Mosteiro de Armenteira, a través dos cales
proporcionarase información ás persoas visitantes sobre os puntos
de afluencia turística. Estes equipamentos, ademais, servirán para
achegarao destino información relevante para a planificación e toma
de decisións relativa ás buscas que as e os turistas fan, a
afluencia de visitantes ou a posible orixe das e dos mesmos, tendo
en conta para iso o idioma que empregan.
Os
tótems informativos complementan os que se instalaron xa o pasado
verán ao abeiro de Tourist Inside no interior das oficinas de
turismo dos 14 concellos. Este proceso formou parte dun impulso
provincial de dixitalización, que incluíu tamén a posta en marcha
doutros sistemas interactivos como videowalls, monitores ou
tabletas. Ademais, dotouse ás oficinas de ferramentas para garantir
a accesibilidade, como audio-guías con linguaxe de signos,
impresoras Braille ou puntos de información bucle magnético.
Por
outra banda, no marco deste programa europeo, converteuse a praia
América, en Nigrán, nunha Smart Beach empregando a
intelixencia e a transformación dixital para garantir un turismo
sustentable.
O
obxectivo de Tourist Inside, que conta cun orzamento de
1.108.280 € e está financiado ao 60% por Red.es a través de
fondos FEDER e ao 40% pola Deputación, é “transformar o
territorio nun destino intelixente”. Ademais, busca mellorar a
eficiencia enerxética e reducir a pegada de carbono asociada á
actividade turística, fomentar a interoperabilidade coas distintas
administracións e axentes, promover o acceso transparente e
universal aos datos públicos do servizos, implantar ferramentas e
sistemas baseados en estándares interoperables, impulsar métricas
de medición da satisfacción da cidadanía e ao dos e das súas
visitantes, o aforro de enerxía e a redución da pegada de carbono e
xerar riqueza na contorna turística da provincia.
