A Deputación de Pontevedra ofrece este xoves unha conferencia sobre as mulleres emprendedoras na ciencia

mércores, 20 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra ofrece este xoves 21 de marzo unha conferencia sobre o papel das mulleres emprendedoras no ámbito científico no marco de Ciencia en feminino, o programa de podcast e vídeo-podcast que promove xunto a GCiencia para reivindicar o papel da muller nas ciencias e na investigación.
Catalina Fernández de Ana Portela, bióloga e directora executiva de Hifas da Terra, será a encargada de afondar na relación entre ciencia e emprendemento feminino xunto á deputada provincial Sandra Bastos.
A conferencia poderase seguir a través de GCiencia e das súas plataformas de Facebook, Youtube, Google Podcasts, Spreaker, Spotify, IHeart, Deezer, Podchaser e Apple Podcasts.
Esta iniciativa, que promove a Deputación de Pontevedra ao abeiro da campaña Seguimos con todas e para todas, deseñada para conmemorar o 8 de marzo (Día Internacional das Mulleres), ofrecerá en total dúas charlas coloquio e dúas conferencias que afondarán, entre outras cuestións, nas vocacións femininas, o emprendemento na ciencia, a investigación no estranxeiro ou os teitos de cristal.
A primeira das conferencias será este xoves, da man de Catalina Fernández de Ana Portela, e a segunda será o 11 de abril con Begoña Vila, astrofísica especializada no estudo de galaxias que traballa como enxeñeira de sistemas na NASA que se centrará nos teitos de cristal na ciencia e a tecnoloxía.
No que respecta ás charlas-coloquio xa está dispoñíbel a primeira delas, centrada nas vocacións científicas, na que participaron Alicia Bruzos, bióloga especializada no cancro en animais mariños; Uxía García, primeira doutora aeroespacial da Universidade de Vigo; e Blanca Moncunill, paleontóloga na Universidade da Coruña.
A seguinte charla celebrarase o 4 de abril, para abordar cuestións relacionadas coa investigación no estranxeiro. Neste caso daranse cita Raquel Lama, investigadora sobre a viroloxía molecular dos peixes en Francia; Cristina Lazcano, investigadora sobre o cambio climático en California; e Carmen Figueiras, investigadora sobre a gripe en Londres.

PUBLICIDADE