A Deputación de Pontevedra xa impulsou a eAdministración en 18 concellos da provincia

venres, 17 de marzo do 2017 Redacción

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo reconto hoxe do logrado até o de agora pola entidade en materia de espallamento e integración da Administración Electrónica nos concellos da provincia. Silva explicou que a día de hoxe xa hai 18 administracións locais beneficiándose das medidas da Deputación para afianzar localmente o goberno dixital, estando previsto que un total de 47 se beneficien desta iniciativa. Os vindeiros meses, a eAdministración impulsada pola entidade provincial chegará a outras 29 vilas. A xuízo de Silva, o servizo de implantación destes recursos 2.0 nos consistorios “é un referente en Galicia e máis en España”. Como lembraremos, o proceso de implantación da eAdministración levado a cabo pola Deputación atinxe aos concellos de menos de 50.000 habitantes.
Grazas a esta cobertura da entidade provincial, os gobernos locais van poder dispor de cousas como unha sede electrónica personalizada para a súa relación coa cidadanía e, tamén, un portal para que o persoal da administración local poida realizar a xestión integral dos procedementos e expedientes por medios electrónicos.
Silva tamén recordou que até o de agora xa son 18 os concellos nos que se comezou a implantación: Pontecesures, Arbo, Ponteareas, Portas, Valga, Salceda de Caselas, Forcarei, A Guarda, Agolada, Cerdedo-Cotobade, Cangas, Cambados, Mondariz, Fornelos, Barro, Lalín, Cuntis e Tui. “En cinco deles”, sinalou, “o proceso xa se atopa finalizado e outras 29 vilas da provincia xa teñen aprobados os convenios coa Deputación de Pontevedra que lles permitirán poñer en marcha este servizo”.
A presidenta aproveitou para criticar as medidas postas en marcha polos Gobernos estatal e galego, que teñen, na súa opinión, “o mal costume de aprobar leis de competencia da administración central e autonómica que obrigan ás administracións locais a pór en marcha proxectos sen darlles recursos”. Pola contra, sinalou, “a Deputación de Pontevedra é un referente en Galicia e en España por este apoio que dá aos concellos para poder cumprir coa lei e pór en marcha o proceso de implantación da Administración Electrónica”. En definitiva, declarou, a iniciativa da entidade provincial fornece finalmente máis de 800.000 euros “para levar a cabo competencias que son da Xunta de Galicia e do Goberno estatal".
Ao fío do devandito, Silva fixo referencia ás últimas xuntanzas coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), nas que a Deputación brindou a súa colaboración e persoal técnico para que outras institucións provinciais levasen a cabo o proceso de implantación. “Isto é desta maneira”, comentou, “debido a que moitas desas entidades non están sendo quen de facelo porque non contan con largura de banda suficiente ou porque posúen lugares no seu territorio onde non hai cobertura de Internet”. A raíz desta proposta, explicou, “a FEMP creou unha comisión de traballo con persoal de distintas deputacións para abordar a solución axeitada".
Sen ir máis lonxe, este 23 de marzo a Deputación participará coa Federación en Madrid nun encontro co que se busca definir os alicerces para establecer unha estratexia conxunta de integración da Administración Electrónica. Ademais, recordou que en Santiago de Compostela, os días 23 e 24 deste mes, a institución provincial participará como relatora no II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica en Galicia.

PUBLICIDADE