A Estrada pon a disposición do programa SmartPEME o seu Viveiro de Empresas

venres, 5 de xaneiro do 2018 Redacción

Xuntanza celebrada en xaneiro na que a Deputación e o Concello confirmaron a participación da Estrada en SmartPEMESemella que amais das novidades que citamos recentemente (a nova adxudicataria, un programa de actividades máis amplo e ambicioso), a rede TIC de formación e asesoramento impulsada pola Deputación de Pontevedra, a rede SmartPEME, vai recibir máis folgos co novo ano Segundo puidemos saber, estase a preparar o terreo para que as sedes operativas de SmartPEME (en Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e en Lalín) incrementen o seu número coa incorporación de A Estrada. Será a partir do vindeiro mes, contando co apoio integral do Concello local, que pon a disposición do programa da Deputación de Pontevedra as instalacións do seu Viveiro de Empresas.
O obxectivo do Goberno estradense é achegar asesoramento tecnolóxico avanzado aos emprendedores, empresarios e autónomos locais. Estas novidades foron dadas a coñecer polo tenente de alcalde, Juan Constenla, durante a presentación de SmartPEME na Estrada.
Na presentación, Constenla estivo acompañado polos deputados Carlos López Font e Javier Dios, por técnicos de SmartPEME, así como representantes da Asociación de Comerciantes da Estrada, da Asociación Comarcal de Empresarios, da Asociación de Fabricantes e Comerciantes do Moble, da Asociación de Xóvenes Empresarios de Pontevedra e dos responsables da empresa Central Científica Galega, que acaba de incorporarse hai uns días ao Viveiro de Empresas.
Segundo fixeron saber, o horario de atención ao público na Estrada será dúas veces ao mes, concretamente o primeiro e o último mércores en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 19.00 horas variando en agosto que será de mañá, de 09.00 a 14.30 horas, e terá lugar no Viveiro de Empresas. Será un servizo de asesoramento individualizado, cen por cen de balde, no que cada interesado contará cunha bolsa de 10 horas para poder informarse sobre cada cuestión. O Concello e a Deputación tamén engadiron que a este servizo súmase un asesoramento vía telemática que ofrece unha solución a todas as empresas que non teñen tempo para acudir de maneira presencial ás ditas dependencias. Ademais, tal e como comentaron os técnicos encargados deste proxecto, levarase a cabo un obradoiro cada mes, con posibilidade de ampliar o número segundo a demanda e as necesidades que vaian xurdindo. Tamén se fixo saber que “debido a gran influencia do sector agrario e gandeiro en Tabeirós-Terra de Montes”, daráselle forma a un programa piloto para “incentivar a implantación das novas tecnoloxías que melloren o rendemento e a produtividade neste sector”. O obxectivo é converter o Viveiro no “referente tecnolóxico para asociacións empresariais e os seus asociados nas comarcas”.
Sobre SmartPEME
Recordar que SmartPEME é un modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pequenas e medianas empresas e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das súas tarefas. “Este proxecto”, explica a Deputación de Pontevedra, “abre novos eidos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos”.
Para o seu desenvolvemento, os asesores e asesoras TIC das oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo póñense en marcha itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
No último ano SmartPEME bateu unha serie de récords importantes. Máis polo miúdo, aumentouse en preto dun 50% tanto as persoas que se formaron a través dos obradoiros e accións formativas, por unha banda, como o número de empresas e persoas ás que se lles realizaron asesoramentos, pola outra.

PUBLICIDADE