A Fonsagrada celebra este sábado o primeiro apagamento analóxico de toda España

martes, 1 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Vista aérea da Fonsagrada

Xa o anunciamos hai unhas semanas nesta mesma web: o apagamento analóxico –o proceso que achega a despedida paulatina pero definitiva dese tipo de transmisión de datos co que até o de agora recibíamos o sinal da televisión e da radio- vai arrincar en España a través da Fonsagrada, concretamente a partir deste sábado día 5. O comezo da fin do analóxico e do afianzamento da Televisión Dixital Terrestre (TDT), proceso para o cal xa se preparou nos días pasados ao concello lucense (lembrar que foron repartidos 1.000 descodificadores de balde), virá acompañado dun acto institucional ás 12.30 que contará coa presenza de Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta.
Os traballos que se estiveron a levar a cabo na Fonsagrada, que recibirá o apagamento á devandita hora na praza do Museo, danse neste recanto galego dous anos antes do previsto nos plans estatais. A finalidade disto é basicamente poñer a proba os recursos tecnolóxicos e humanos. Dito doutro xeito: trátase de optimizar os traballos nun territorio, o da Fonsagrada, que é o prototipo de concello que presenta dificultades na implantación da TDT, tanto pola súa paisaxe accidentada e pola dispersión dos veciños.

PUBLICIDADE