A Fundación TIC duplica as prazas nos cursos de InLugo para maiores

luns, 11 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, enfía o derradeiro treito formativo do ano e faino achegando a cidadanía á parte máis decididamente creativa, social e dinamizadora das novas tecnoloxías da información. Segundo fixeron saber os responsábeis da fundación, ao longo do cuarto trimestre de 2017 impartiranse 64 cursos e obradoiros de balde. Que significa isto en relación ao fornecido na anterior tempada? Pois a cifra nada desprezábel de 21 actividades máis.
Estas accións, que se van desenvolver a través de InLugo, foron dadas a coñecer hoxe polo presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos. Segundo explicou, trátase obradoiros e cursos sobre novas tecnoloxías destinadas aos lucenses de máis de 55 anos, sumando un total de 877 prazas, “o dobre que no trimestre anterior”. Arrancara este mércores, 13 de setembro.
Darío Campos, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dixo que “neste trimestre imos reforzar o labor social que está a desenvolver a TIC cun sensíbel incremento no número de cursos e prazas”. A intención, engadiu, é atender a alta demanda formativa da que é o obxecto a Fundación TIC. Ademais, quérese ampliar na medida do posíbel o radio de acción das vantaxes sociais, comunicativas e informativas que teñen as novas tecnoloxías.
Os cursos, engadiu Campos, serán de diversa duración. Deles, 37 serán de dous ou tres días, mentres que os outros 27 terán unha duración dun día. Estes últimos, que se impartirán os luns pola mañá e pola tarde e os venres pola mañá, estarán especialmente adicados ao reforzamento de coñecementos.
Con respecto ás materias, Campos anunciou que aumentarase o número daqueles cursos con máis demanda, os do uso do móbil e de Internet. De feito, pasarase de dúas a tres edicións, tanto do primeiro nivel como do segundo.
O presidente da Deputación tamén salientou a importancia dos obradoiros destinados á mellora da memoria e das habilidades cognitivas e psicomotrices, como os de Xbox ou Wii, “que fomentan este tipo de exercicios mentais”. A demanda e o interese arredor destas actividades motivou que este trimestre haxa oito obradoiros de memoria. Ademais, dentro da programación os maiores da provincia poderán elixir entre talleres de redes sociais, correo electrónico ou uso de Whatsapp, entre outros.
O prazo para apuntarse ábrese este luns 11 de setembro. Os interesados xa poden inscribirse a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal ou chamando ao teléfono 982 225 186.

PUBLICIDADE