A IA favorecería a detección de artigos científicos fraudulentos, segundo dous investigadores da USC

luns, 6 de abril do 2026 S. P.

Alberto Ruano e Cristina Candal. FOTO: Idis

Tendo en conta a ameaza que representan as fábricas de artigos (paper mills) na actual Sociedade da Información para a credibilidade científica e tendo en conta a cantidade crecente de investigadores que acoden aos servizos destas empresas fraudulentas para mercar a autoría de artigos en revistas indexadas, os profesores da USC Alberto Ruano Raviña e Cristina Candal Pedreira achegaron unha investigación con claves para favorecer a detección destas publicacións con técnicas de intelixencia artificial.
Estas claves foron achegadas por Ruano e Candal nun texto editorial titulado AI for detecting paper mill papers, publicado en British Medical Journal, unha das revistas máis prestixiosas no ámbito biomédico.
“As fábricas de artigos científicos representan unha ameaza sistémica para a integridade da investigación, contaminando a evidencia, influíndo nas citas e afectando potencialmente a toma de decisións clínicas”, explican, engadindo que “estas fábricas son empresas que xeran manuscritos deseñados para parecerse a artigos científicos lexítimos, recorrendo frecuentemente a datos e imaxes fabricados, manipulados ou duplicados. A autoría destes manuscritos véndese a autores e envíanse a revistas científicas para a súa publicación coma se fosen traballos académicos xenuínos”. 
Engaden que os principais medios de comunicación e as revistas científicas líderes informan cada vez máis sobre a magnitude do problema e as súas implicacións para a confianza na ciencia. Con todo, sinalan, “a detección de artigos procedentes de fábricas de artigos científicos segue sendo un desafío por varias razóns”.
En primeiro lugar, sinalan os autores, “estes artigos atópanse dispersos en diversas revistas e xeralmente examínanse individualmente; en segundo lugar, a revisión posterior á publicación (é dicir, a avaliación da investigación publicada por lectores e expertos independentes fóra do proceso formal de revisión por pares) depende dun número relativamente pequeno de investigadores especializados; en terceiro lugar, algunhas revistas poden carecer de recursos para recoñecer a contaminación a grande escala; e, finalmente, moitos investigadores seguen sen ser conscientes deste problema”.
Os autores indican que, alén da necesidade de desenvolver novas técnicas de detección de artigos fraudulentos, é necesaria unha maior implicación das institucións financiadoras de investigación e dos organismos científicos (universidades, institutos de investigación), na prevención e educación dos investigadores, e sanción cando corresponda, ante prácticas científicas pouco éticas. 
Cristina Candal Pedreira e Alberto Ruano Raviña son investigadores da área de Medicina Preventiva da Universidade de Santiago de Compostela, e membros do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela. Alberto Ruano Raviña tamén é membro do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), designado como centro singular de investigación pola Xunta de Galicia.