A ICC Week 2017 xuntará en Ourense case medio cento de profesionais dos contidos dixitais
luns, 3 de abril do 2017
A
semana
pasada presentáronse en Ourense os detalles completos sobre a
nova edición do evento ICC
Week 2017, do que xa
achegamos algunha información recentemente dende Código Cero,
facendo fincapé na preparación (ao abeiro da ICC Week) da quedada
informática Technium, que se vai
celebrar este ano entre 4 e o 7 de maio. Pois ben, o caso é que
neste intre xa temos nas nosas mans a programación completa desta
terceira convocatoria ICC Week, evento destinado a mostrar o
potencial ourensán e galego en materia de industriais culturais e
contidos dixitais e que, segundo fixo saber a organización, xuntará
este ano máis de 40 profesionais do sector audiovisual, tecnolóxico,
musical e cultural. Desenvolverase en diversos puntos da provincia e
contará con representantes de El País Retina, Ouishare, o blog El
Comidista, Grupo Nove, a serie El Ministerio del Tiempo,
VEGAP ou Disney. O programa foi dado a coñecer polo presidente da
Deputación de Ourense, Manuel Baltar e os coordinadores do evento,
Manuel Araújo e Juan Rivas.
A
nova edición de ICC Week comezará o 2 de maio nun acto inaugural
que xirará arredor da Cultura e creatividade como valor nos
territorios e contará coa presenza de Javier Rioyo, director do
Instituto Cervantes de Lisboa, cineasta xornalista e escritor, e Elsa
Punset, escritora e divulgadora, para culminar cun concerto de
Depedro no Teatro Principal.
Ao
longo da semana debaterase en diversos recantos da provincia sobre a
industria musical, a gastronomía, o audiovisual, a Internet, as
novas tecnoloxías e os retos culturais en Galicia como focos
principais. A industria da música e os seus axentes estará
representada polo xornalista Javier Becerra, que moderará un
encontro co músico Miqui Puig, Almudena Palacios (cofundadora e
coordinadora de ¡Queremos entrar!), Daniel Sanchís (Brand Ac
Director en M&C Saatchi) e Patricia Hermida (presidenta de
MMF Spain). O músico e actor El Langui tamén ofrecerá unha clase
maxistral sobre produción musical e o produtor Carlos Jean será o
protagonista dun relatorio no que exporá o poder da creatividade
para resolver todo tipo de problemas.
O
sector audiovisual estará representado por Concha Fontenla e Oliver
Laxe, director galego premiado en Cannes pola súa obra Mimosas.
Laxe, informou a organización da ICC Week, ofreceralle ao público
“unha travesía por este filme e o seu percorrido”, mentres que a
produtora audiovisual Concha Fontenla afondará no mundo audiovisual,
o cine, a televisión e Internet dende a perspectiva da produción.
O
espazo de divulgación La Molinera, emprazado na propia cidade de
Ourense, será o punto de encontro para as persoas máis interesadas
nas tendencias da cultura dixital, onde se afondará nos grandes
desafíos da economía cooperativa ou da nova economía do
coñecemento. Para afrontar esta tarefa, ICC Week contará coa
presenza con Pako Rodríguez (Ouishare), Fran Rodríguez (director da
ESEI do Campus de Ourense), Xosé Lois Vázquez (director do Outono
Fotográfico), Javier Gutiérrez (director xeral VEGAP) e Jaime
García Cantero (director xeral de contidos de El País Retina).
Segundo
fixo saber a organización de ICC Week, Galicia “tamén será a
protagonista absoluta dunha xornada adicada a xestión cultural na
nosa Comunidade”. Esta xornada dividirase en dous bloques iniciais.
No primeiro, afondarase na actividade na provincia de Ourense. Estará
moderado por Alberto García (técnico de Cultura do Concello de
Boiro). Nel tomarán parte iniciativas nas que entra en xogo o
patrimonio e a convivencia na xestión cultural, como Espacio
Matrioska, Vivir Vilamarín ou Sende, e unha das actividades
culturais e de lecer referentes na provincia, a MITEU (Mostra
Internacional de Teatro Universitario de Ourense, en representación
da que asistirá o actor Fernando Dacosta.
No
segundo dos encontros, que terá un carácter autonómico, estarán
representados varios festivais do país de variadas disciplinas e
contará como moderador con Sergio Lago (co-organizador do Curso de
Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela e
organizador de Coruña Dixital). Entre os relatores atópanse Ángel
Sánchez (do Play Doc Tui), Alfonso Pato (do Festival de Cans),
Raquel Rivera (do FASE, Festival de Arte Sonora Española), Matilde
Rodríguez (de O Gato Cósmico e a Maker Faire Galicia) e Piti
Domínguez (de O Marisquiño).