A Internet das Cousas e a revolución que carrexa, ao detalle nun obradoiro da Cámara de Santiago
mércores, 11 de abril do 2018
A
Cámara de Comercio de Santiago quere familiarizarnos ao máximo coa
Internet das Cousas, un ámbito cheo de posibilidades profesionais e
de desenvolvemento (agora que comezamos a vivir a cuarta revolución
industrial, a dos obxectos conectados e intelixentes), facendo
fincapé en divulgar a importancia do eido IoT (Internet of
Things) entre as e os menores de trinta anos (fomentando a súa
empregabilidade futura). Estamos a falar do programa Constrúe o
teu Futuro. Internet das Cousas (IOT) e Emprendemento, que comeza
o 16 de abril e que vén da man da entidade cameral, en colaboración
(co-financiando) do Concello de Santiago e a Fundación INCYDE a
través do Fondo Social Europeo.
A
formación está destinada a mozos e mozas menores de 30 anos, en
desemprego pero con arela de pór en marcha a súa propia iniciativa
de mercado ou ben de atopar traballo nunha empresa do sector. Tamén
se dirixe a persoas interesadas en ampliar e consolidar os seus
coñecementos no campo da creatividade dixital.
O
programa ten por obxecto ensinar “os distintos modelos de negocio
baseados e realizados baixo este paradigma, con especial atención
aos sectores máis puxantes e considerar as novas solucións que
comercializaron as startups no ámbito
nacional e internacional”. Segundo apunta a Cámara acerca da
importancia de adestrarnos no eido IoT, hoxe en día son innumerábeis
os ámbitos de actividade onde comezan a ter vital importancia as
tecnoloxías das cousas conectadas: saúde, docencia, industria,
agro, turismo, deporte ou lecer.
O
obradoiro debullará as tecnoloxías vencelladas á Internet das
Cousas e que tipo de requisitos son básicos para construír un
modelo de negocio analizando e realizando un estudo de mercado, dará
a coñecer as ferramentas necesarias e distinguirá casos de éxitos
das empresas que xa triunfaron no ámbito IoT. Desenvolveranse
conceptos de información masiva (Big Data), uso de aplicacións
móbiles e conceptos de ciberseguirdade e benchmarking.
O
programa, no que poderán participar un máximo de 25 persoas,
celebrarase ata o 25 de maio no viveiro de empresas da Cámara de
Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa
nº 40. Santiago), luns e xoves en horario de 10:00 a 12:00 horas.
Tamén inclúe titorías individuais entre o alumno e o consultor,
sempre dentro do horario de apertura do viveiro de empresas (de 8:00
a 22:00 horas). As persoas interesadas en participar poden poñerse
en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago (981596800;
vivero@camaracompostela.com) ou consultar o programa completo e
inscribirse na web www.camaracompostela.com.