A Maker Faire Galicia converteu Santiago en capital das tecnoloxías inclusivas e da rapazada argalleira

luns, 8 de xuño do 2026 S. P.

Celebrouse o pasado sábado 6 de xuño no centro comercial Área Central a XII edición da Maker Faire Galicia, a maior feira de inventoras e inventores, creadoras e creadores do mundo. Na Maker Faire atopamos: tecnoloxía, enxeñaría, ciencia, arte, artesanía e educación baixo a filosofía do Faino ti mesma (Do It Yourself). Obradoiros, charlas, exhibicións e proxectos sempre cun compoñente inclusivo e social.
Foi no 2006, en California, cando naceu o movemento maker, impulsado pola revista Make, o obxectivo era reunir a persoas afeccionadas e profesionais de todas as idades para compartir os seus proxectos e coñecementos. A partir de aí o pensamento dos maker espallouse por todo o mundo, celebrándose feiras destas características ao longo e ancho do planeta.

O stand do "Universo", dos Minimakers VermisLAB

Indo á Maker Faire compostelá, na súa inauguración oficial estiveron: a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Mocidade, María Rozas; o subdirector xeral de Emprendemento da Xunta de Galicia, José Luís Maestro Castiñeiras e a xerente de Área Central, Sara Castedo.
Na feira galega houbo de todo: a intervención de Pablo Núñez e o seu proxecto orientado a fomentar a empatía cara ás persoas con Párkinson, unha nova edición de Voces Ocultas coa participación de Segundo e Mónica (asociación Misela), ou a charla-obradoiro de Nuska Chousa. O peche correu a cargo de Galos do Norte. Ao longo do día tamén tiveron lugar obradoiros prácticos organizados por: Scanlive, Mundo Bichos, Ceo Aberto ou Vella Escola.

Os Minimakers de VermisLAB e a súa profesora Ana Pena recollendo o premio

A xornada concluíu coa entrega dos premios do público, que recoñeceron os proxectos máis valorados polos asistentes en catro categorías diferentes.
Mención á parte merecen os máis pequenos e pequenas da feira, os Minimakers, co primeiro premio fixéronse o Colexio Salesianos Santo Anxo de Avilés (Asturias). O segundo premio foi parar aos nenos e nenas de VermisLAB, crianzas de 5 a 9 anos co seu proxecto O Universo, dirixido pola súa profesora Ana Pena Loureiro, quen non dubidou en levar con ela a toda a rapazada, que asistía por primeira vez a esta feira para desfrutar dunha xornada chea de emoción e cun final grande para esta xentiña pequena. O segundo premio que se levaron os de VermisLAB foi froito dun traballo no que predominou ante todo a curiosidade dos nenos polo universo, pois, segundo apuntou Ana Pena, os nenos e nenas investigaron sobre os planetas, fixeron murais, un vídeo explicativo sobre o universo, maquetas, traballaron coa electrónica básica (uso de engrenaxes, ferramentas, etc) un grande traballo sempre en equipo na procura de fomentar a creatividade, aprender a xestionar a frustración, ensinar a importancia do respecto aos demais, da diversidade... esforzo que se transformou nunha recompensa a xeito de premio que foron recoller moi ilusionados parte do equipo dos Minimakers do VermisLAB acompañados da súa profesora Ana.

Indo ao resto do palmarés, Speaking Nature, tamén do centro asturiano, completou o podio co terceiro posto.
Na categoría Maker, o proxecto máis votado foi Scanlive, de Jordi Rodríguez. A segunda posición foi para Enxeñaría en 3D, da UVigo, e a terceira para SepiArtShop, de Carlota Cao.
No apartado de Divulgación impúxose: Qun quiere ser Neurodivergente?, de VermisLAB Psicoloxía, seguido por Recoñecemento Automático de Linguaxe de Signos, de AtlantTIC da UVigo. O terceiro premio foi compartido por Achegarche e Synestec, impulsados por Eva e Rafael Somolinos.
En Innovación Social, o premio foi para Anxos Caídos como unha seda, mentres que Voga-Voga, da asociación Misela, obtivo o segundo premio e os produtos de apoio personalizados de COGAMI lograron a terceira posición.
Para pechar a Maker Faire, a organización entregou o premio Maker de Mérito ao artesán Nacho Porto, unha figura vinculada desde fai case medio século á creación artesanal desde O Pindo (Carnota).
Detrás da Maker Faire Galicia está Design Thinkers and Makers, unha empresa de Santiago de Compostela que se adica á innovación en tres eidos: o educativo, o empresarial e o social e cultural. No ámbito educativo innova a través do proxecto VermisLAB, no empresarial coa consultora Designthinking.gal e no social e cultural con proxectos como a Maker Faire Galicia ou o Roteiro Maker, onde achega a innovación á sociedade a través de experiencias interactivas.