A Olimpíada Informática Española 2025 celebrarase na FIC da UDC

martes, 19 de marzo do 2024 S. P.

Esta fin de semana Sevilla acollía a XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE) 2024 celebrada na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla. Os galegos gañadores da Olimpíada Informática Galega (OIG), celebrada en Ourense en febreiro, o ferrolán Pedro Rey Anca (estudante de 2º de bacharelato do IES Saturnino Montojo de Ferrol) e o vedrés Hugo Domínguez Conde (estudante de 1º de bacharelato do CPR Manuel Peleteiro de Santiago), foron os representantes neste certame estatal acadando un diploma pola súa participación.
Os catro gañadores que recibiron a medalla de ouro da competición: Alejandro Vivero, Javier Baeza, Daniel Nieto e Héctor Berdeal, compoñen o equipo español que participará na 36ª Olimpíada Internacional de Informática que se celebrará en Exipto no mes de setembro.

Hugo Domínguez, Fernando Suárez e Pedro Rey na OIG 2024 en Sevilla

Indo ao encontro sevillano, dicir que alí tivo lugar a toma de relevo da organización da Olimpíada Informática Española 2025 que recaeu en Galicia, en concreto na Facultade de Informática da Coruña (FIC) da UDC que será a responsábel da XXIX edición do certame. Fernando Suárez, presidente do CPEIG, salientaba que a olimpíada marca realmente o ciclo entre as competicións, polo que indicou que este ciclo para a Coruña comeza hoxe mesmo e, dende o CPEIG, darase todo o apoio posíbel a FIC para celebrar este concurso.
A Olimpíada Informática Española (OIE) é o concurso nacional de programación informática para estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e grao medio. A OIE celébrase en España desde 1997, co apoio da Fundación Aula Escola Europea de Barcelona e o equipo español sempre participou en todas as súas edicións. Desde 2006, a Facultade de Informática de Barcelona (FIB) da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) e, desde 2019, a Conferencia de Directores y Decanos de Ingeniería Informática (CODDII) colaboran coa Fundación Aula Escola Europea na organización do concurso, así como o Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática, o Ministerio de Educación y Formación Profesional e a Sociedad Científica Informática de España.

PUBLICIDADE