A PSPD denuncia a Vodafone polo envío de spam a móbiles
martes, 23 de outubro do 2018
A
Plataforma pola
Seguridade e a Privacidade Dixital (PSPD), integrada pola AI, ADECES
e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), vén de denunciar a
alianza empresarial formada polas operadoras de telecomunicacións
Vodafone e Ono ante a Axencia de Protección de Datos. O motivo? Segundo nos
contan dende a plataforma galega de usuarios, por prácticas de
subministro de correo lixo (spam) a través de mensaxes de
texto ao móbil. Segundo solicitan as plataformas perante a axencia,
cómpre obrigar ás compañías a cesar este tipo de comunicacións
electrónicas, e imporlle a Vodafone “a correspondente sanción por
falta grave”.
Amais,
a plataforma das entidades de consumidores consideran que o devandito
envío de mensaxes non solicitadas é motivo de reflexión e e
crítica acerca da entrada en vigor do novo Regulamento Europeo de
Protección de Datos e o seu alcance presente. Segundo explican, “non
deben as autoridades de control flexibilizar as esixencias deste ou
outras normas conexas como a Lei 34/2002, do 11 de xullo, de Servizos
da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico
(LSSI).
Na súa denuncia, a PSPD salienta que o envío masivo e reiterado de
comunicacións electrónicas vía SMS por parte de Vodafone-ONO
vulnera o artigo 21.1 da LSSI, o cal esixe para “o envío de
comunicacións promocionais ou publicitarias por correo electrónico
ou outro medio de comunicación electrónica equivalente deben ser
solicitadas ou expresamente autorizadas
polos
destinatarios das mesmas”. As plataformas explican que neste caso
concreto, segundo o apartado 1, nin o silencio nin o rexeitamento das
comunicacións a través da ligazón NON+ Publi (ou outros
semellantes) “lexitiman o envío destas comunicacións a falta de
petición ou autorización expresa”.
