A Policía confirma que Blusens estaba detrás dos contidos ilícitos que achegaba o WebTV

venres, 9 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A Policía Nacional dá hoxe conta da súa operación ao redor do receptor WebTV de Blusens, para a que contaron co apoio de EUROPOL e que saldouse coa detención de 6 persoas na Coruña, Xaén e Barcelona pola distribución de contidos televisivos (moitos correspondentes a canles de acceso condicionado a pagamento) a través do polémico dispositivo ofertado a través de máis de 14.000 puntos de venda a nivel mundial. A policía constatou que o deseño e desenvolvemento técnico do terminal realizábase no laboratorio de I+D da empresa, onde tamén se desenvolvían as aplicacións coas que acceder a películas, series ou eventos deportivos.
A investigación iniciouse ante unha denuncia de EGEDA por acceso ilegal a contidos audiovisuais, á que logo uníronse Mediapro e a Liga de Fútbol Profesional, ao descubrirse que tras estas actividades atopábase unha sociedade mercantil con sede en Galicia que, ademais estaba a distribuír ilicitamente o sinal de multitude de canles de televisión. O dispositivo comercializábase en grandes superficies e a través de canles de venda en liña de xeito masivo.
Os contidos televisivos e outros eventos deportivos, películas ou series atopábanse aloxados nun servidor en Francia, aínda que o control realizábase remotamente dende o departamento de I+D da mercantil. Os clientes recibían asesoramento nun foro especializado que, a xeito de servizo técnico e de asesoramento, guiáballes no xeito de acceder aos contidos ilícitos e dende o que podíase descargar o firmware necesario para actualizar a conexión co servidor onde emitían os contidos. Unha vez descargada a aplicación e instalado o software, o cliente podía acceder a centos de canles de televisión (a meirande parte de pagamento) e a listaxe organizados de copias fraudulentas de obras audiovisuais emitidas por diferentes plataformas de pagamento.

JPEG - 84.6 KB
A Policía incautou milleiros de unidades dos WebTV

PUBLICIDADE