A RACG e a Universidade Intercontinental da Empresa distinguen a Verónica Bolón, investigadora do CITIC

xoves, 18 de xuño do 2026 S. P.

Verónica Bolón recollendo o premio de mans don conselleiro de Cultura, Román Rodríguez

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) celebraron na tarde deste xoves 18 de xuño o acto de entrega da segunda edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores novos, que tivo lugar no Centro Obra Social Abanca, en Santiago, e que se retransmitiu en directo a través de Afundación TV. Estes galardóns buscan impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade.
No eido das Ciencias Básicas, a galardoada é Verónica Bolón, pioneira en deseñar sistemas de IA sustentables; en Ciencias Técnicas distínguese a Laura Castro polo seu labor no campo das enerxías renovables mariñas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a María Barreiro, dedicada a axudar ás organizacións a ser máis respectuosas cos recursos naturais. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéronse ademais varios accésits.
No evento participaron o secretario xeral da UIE, Pedro Otero; e o presidente da RAGC, Juan Lema, xunto a outros membros dos dous organismos. Asistiron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da Universidade de Santiago, Almudena Hospido; ademais de representantes doutras entidades políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
Na súa intervención, Juan Lema declarou que “estes premios demostran que Galicia conta cunha nova xeración científica de altísimo nivel, capaz de competir internacionalmente e de liderar áreas clave para o futuro”. Nesta liña, o presidente da RAGC manifestou que “a calidade das candidaturas fixo especialmente difícil a selección, o que é unha excelente noticia para o sistema galego de ciencia e innovación”. Puxo de relevo que “as persoas premiadas e recoñecidas cos accésits representan unha ciencia nova, internacional, rigorosa e comprometida coa sociedade, desde a sustentabilidade e a intelixencia artificial ata a saúde, a enerxía e a dixitalización”.
Pola súa parte, Pedro Otero subliñou como o das premiadas e premiados non é en absoluto un camiño exento de trabas: “Sabedes ben o que significa navegar nun océano de obstáculos. Sen dúbida, gran parte de que esteades hoxe aquí débese á vosa entrega e perseveranza, desde logo, pero creo que tamén a un decidido espírito de superación”.
Verónica Bolón
No eido das Ciencias Básicas recoñécese á enxeñeira informática Verónica Bolón (Carballo, 1984), profesora da Universidade da Coruña, que desenvolve a súa actividade investigadora no Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial e é investigadora do CITIC da UDC. Céntrase no deseño de sistemas de intelixencia artificial eficientes, capaces de equilibrar rendemento, custo computacional e impacto ambiental. Esta visión, que sitúa a sustentabilidade como eixe central do deseño algorítmico, é pioneira en España.
Os resultados dos seus traballos téñense aplicado en ámbitos como o biomédico -diagnóstico de retinopatía do prematuro, enfermidades cardiovasculares ou trastornos do sono-, así como para a resolución de problemas ambientais e educativos. Forma parte do top 2% de investigadores máis influentes a nivel mundial segundo a Universidade de Stanford. É revisora habitual de programas do Consello Europeo de Investigación, o que implica avaliar proxectos de vangarda e contribuír á definición das prioridades científicas europeas. Dirixe a Cátedra UDC-Inditex de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes. Ademais, desenvolve tarefas de asesoramento institucional en intelixencia artificial -en particular para a Comisión Europea-, forma parte do comité de expertos para o asesoramento en IA en Galicia e é membro do comité do laboratorio de ideas da AESIA (Axencia Española para a Supervisión da IA).
Dous accésits en Ciencias Básicas
Manuel Souto (Valencia, 1988), investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, recibiu un accésit. Investiga en novos materiais máis ecolóxicos con aplicacións en almacenamento enerxético.
Na actualidade céntrase no desenvolvemento de baterías máis eficientes e respectuosas co meido ambiente, baseadas en eléctrodos orgánicos, fronte ás baterías de litio convencionais, que usan elementos críticos como o cobalto.
Outro dos accésit foi para Ismael González (O Rosal, 1988), do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC. Afonda nos mecanismos neuroendocrinos que controlan o metabolismo. Nesta liña, descubriu que os estróxenos actúan no hipotálamo para incrementar a temperatura corporal e xerar saciedade. En relación á regulación hipotalámica do peso corporal, os seus traballos supuxeron un gran avance no coñecemento dos mecanismos fisiopatolóxicos da obesidade.
Ademais, en colaboración co Hospital Clínico de Santiago, describiu por primeira vez a dinámica da activación do tecido adiposo marrón nos neonatos, fundamental para lograr a súa supervivencia nas primeiras semanas de vida.
Laura Castro
No eido das Ciencias Técnicas distínguese á investigadora da Universidade da Coruña Laura Castro (Betanzos, 1985), que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol.
A súa traxectoria céntrase no estudo técnico-económico das enerxías renovables mariñas: enerxía eólica mariña, enerxía undimotriz, sistemas híbridos de enerxía mariña e enerxía solar mariña. Traballou en sistemas de ancoraxe para plataformas mariñas de enerxía renovable. Na actualidade é investigadora principal de tres proxectos: un nacional no que se está a desenvolver unha ferramenta para planificar o almacenamento de enerxía procedente de fontes de enerxía mariña en España; outro europeo sobre a xestión de riscos para a produción estable, segura e sostible de hidróxeno verde utilizando enerxía eólica mariña; e outro tamén europeo para a mellorar a eficiencia enerxética en Xeorxia, Acerbaixán e Ucraína. É a única catedrática na área de Construcións Navais en Galicia e a máis nova de toda España.
Accésit en Ciencias Técnicas
Concedeuse un accésit a Lucía Díaz (Vilalba, 1985), profesora do Departamento de Deseño na Enxeñaría da Universidade de Vigo. Investiga no eido da dixitalización da contorna construída para crear espazos máis seguros, intelixentes e sostibles. Tamén analiza o espazo urbano co obxectivo de comprender a súa influencia sobre o ser humano, de interese, por exemplo, para mellorar a accesibilidade.
Ten desenvolvido proxectos internacionais (cunha captación para a UVigo de máis de 3,5 millóns de euros), boa parte deles centrados no mantemento intelixente de infraestruturas, a aplicación da circularidade e sustentabilidade na construción, ou a dixitalización de contornas urbanas co propósito de facilitar a vida de persoas con diversidade funcional.
María Barreiro
En Ciencias Sociais prémiase a María Barreiro (A Coruña, 1987), profesora da Universidade da Coruña e investigadora do centro de investigación interuniversitario ECOBAS, especializado no estudo da sustentabilidade. Traballou na Universidade de Gävle (Suecia) e na UNED. Durante os últimos dez anos, a súa investigación centrouse especialmente en economía circular, desenvolvemento económico e cuestións de xénero.
Enfócase na busca de mecanismos que axuden ás organizacións a ser máis sustentables, tanto económica como ambiental e socialmente. Participou no proxecto europeo ToNoWaste, valorado en 6 millóns de euros, no que colaborou con 21 universidades e varias institucións de 7 países, co obxectivo de reducir o desperdicio de alimentos. É coordinadora do Green Campus da facultade de Economía e Empresa da UDC.
Accésit en Ciencias Sociais
O accésit neste eido foi para Rubén Lado (Outes, 1989), profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago. Ao longo da súa carreira desenvolveu dúas grandes liñas de investigación: o estudo do efecto da localización empresarial sobre as variables económico-financeiras, con especial atención ao sector turístico-hoteleiro español; e a xestión de riscos empresariais nun contexto de crecente dixitalización e transición enerxética.
Estas liñas conectan con problemáticas actuais como a sostibilidade, a intelixencia artificial e a automatización. É secretario do Centro de Estudos Turísticos (CETUR) da USC e investigador de ECOBAS.