A RAGC e a Deputación de Pontevedra continúan este xoves coa celebración do seu ciclo científico-tecnolóxico Aida Fernández Ríos

mércores, 2 de xuño do 2021 Sandra Rivadulla

Aida Fernández Ríos no seu ingreso na RAGC

A Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Pontevedra continúan este xoves, 3 de xuño, coa celebración do II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos. O certame é de balde e está destinado a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social, ademais de impulsar o labor científico levado a cabo en Galicia.
O II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos consta de dous bloques, un primeiro con dez relatorios impartidos por once recoñecidos expertos entre abril e xullo, e un segundo bloque con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2021-2022, de setembro a decembro.
Así, a deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial da Deputación de Pontevedra, Ana M.ª Mejías, vai a inaugurar a cuarta xornada do ciclo, moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez. O acto celebrarase ás 19:00 horas no salón de plenos do Pazo Provincial de Pontevedra, pero tamén emitirase por streaming.

Xoana Pintos

A primeira charla, titulada Mulleres na ciencia, mulleres na sombra, estará impartida pola doutora en Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Xoana Pintos, especialista en estudos de xénero e na presenza da muller no eido científico. Segundo a doutora, “a historia e a construción da ciencia moderna fundamentouse nos piares da inxustiza, da desvalorización e da ocultación dun grande número de mulleres científicas. Por iso, ten que ser revisada, debendo saír á luz as achegas nas diferentes disciplinas científicas, nun traballo de visibilización”. Nesta actividade, Xoana Pintos fará un repaso pola presenza feminina nos ámbitos científicos, con especial énfase nos universitarias, revisando o papel das mulleres galegas desde o momento no que se permitiu o seu acceso aos estudos superiores. Ademais, citará á figura da médica, docente e xenetista, Jimena Fernández de la Vega, nomeada Científica Galega do Ano 2021 pola RAGC.

Carmen González

A segunda charla da xornada tratará sobre Aida: máis que Ciencia. Esta actividade levarana a cabo Carmen González Sotelo, investigadora científica do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas de Vigo, e Gabriel Rosón, catedrático da Área de Física da Terra da Universidade de Vigo. En xeral, consistirá nunha semblanza de Aida Fernández Ríos (doutora en bioloxía e oceanografía pola UVIGO, considerada unha das principais expertas de Europa na relación entre as emisións de dióxido de carbono de orixe antropoxénico e o aumento da acidez na auga do mar), tanto desde o punto de vista persoal como científico, sobre todo en temas relativos á acidificación oceánica.
O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias xa está aberto na páxina web da Deputación de Pontevedra. Despois de acudir, os participantes poderán solicitar o certificado de asistencia.

PUBLICIDADE