A RAGC inaugura o ciclo de conferencias sobre IA en Santiago

luns, 23 de outubro do 2023 S. P.

Pablo Gamallo

Xa sinalamos dende Código Cero que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, estaba a preparar un ciclo de conferencias titulado Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI? Unhas charlas que se inauguran hoxe luns 23 de outubro na Sede da Confederación de Empresarios de Galicia (Rúa do Vilar, Santiago) e que se estenderán até o 26 de outubro, en horario de 17 a 20:30 horas, en diferentes lugares coa opción de seguirse vía streaming previa inscrición.
A segunda destas charlas será mañá martes, 24 de outubro, tamén en Santiago no mesmo lugar, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (Rúa do Vilar). Centrarase na relevancia da Intelixencia Artificial (IA) na nosa vida. Á presentación asistirán a vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez; o director da empresa tecnolóxica Plexus Tech, José Manuel Chao; e o coordinador do ciclo, o catedrático de Ciencias da Computación e IA Senén Barro, académico da RAGC e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago (CiTIUS).

María José Carreira

Indo ás xornadas en cuestión, dicir que a de hoxe luns 23 de outubro, comezará coa intervención de Pablo Gamallo, profesor titular da Área de Lingüística Xeral e investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. Falará sobre as tecnoloxías lingüísticas, en particular sobre o Proxecto Nós, que busca o acceso en galego a recursos como os asistentes de voz, os sistemas de recoñecemento da fala ou os tradutores automáticos de alta calidade; co propósito de que poidamos interactuar no mundo dixital en igualdade cos falantes doutros idiomas. O investigador explica que “os modelos de lingua, como GPT-4, son xa unha parte fundamental da tecnoloxía actual e teñen un impacto significativo na sociedade dixital. Para a súa elaboración son precisos moitos datos de boa calidade e moita capacidade de cómputo, o que dificulta a súa adaptación ás linguas con poucos recursos. O Proxecto Nós, que procura situar a lingua galega á vangarda da sociedade e economía da IA, céntrase na elaboración de datos de boa calidade e de modelos de lingua para o galego, coa axuda do portugués, para tentarmos reverter a perigosa tendencia a afastármonos das linguas con moitos máis recursos no eido das tecnoloxías lingüísticas”.
De seguido participará María José Carreira, profesora titular de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigadora do CiTIUS. Referirase á relevancia da IA no eido da saúde. Nesta liña, indica que “os impresionantes avances da IA están a ter impacto nas nosas vidas. Existen multitude de investigacións realizadas por institucións públicas ou privadas para avanzar no tratamento de distintas enfermidades ou mesmo para facilitar a vida saudábel dos doentes e da poboación en xeral”. A investigadora salienta o impacto da Intelixencia Artificial na análise de imaxes e sinais como os raios X, resonancia magnética, ecografías, tomografía computacional e moitas outras.

Luis Otero

Para pechar a xornada deste luns, intervirá Luís Alberto Otero, catedrático da Área de Economía Financeira e Contabilidade da USC. O experto manifesta que “as novas tecnoloxías axudarán a crear novos empregos, a mellorar a eficiencia dos actuais e tamén eliminarán outros”. Sinala que o cloud computing, o big data, a internet das cousas, a ciberseguridade e a IA son as tecnoloxías que, cunha maior probabilidade, incorporarán as empresas nos vindeiros anos, con “consecuencias incertas sobre o emprego”. Otero lembra que, segundo estudos da Universidade de Oxford, unha elevada porcentaxe dos traballos actuais (o 38% do emprego en Galicia) estarían afectados polo risco de automatización. Apunta que “a substitución definitiva dos traballadores tan só se producirá cando exista unha vantaxe evidente pero, na maior parte dos casos, moitos empregos están chamados a entenderse coas novas tecnoloxías”. E incide no especial impacto que suporá nas competencias dos traballadores, que deberán someterse a procesos de reskilling (reciclaxe profesional, é dicir, a capacitación para outro posto, a través da dotación de novas habilidades e competencias) e upskilling (formación dun profesional en novas habilidades e competencias que lle permiten medrar no seu rol actual) para seguir desempeñando os seus postos de traballo.
Ao remate da sesión, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes no encontro. Engadir que se pode participar neste ciclo de conferencias de balde de xeito presencial ou en liña, previa inscrición.

PUBLICIDADE