A Rede galega ferve de actividades arredor de Begoña Caamaño
venres, 15 de maio do 2026
Quen navegue estes días pola Rede galega vai descubrir centos de recursos informativos e conmemorativos arredor da escritora viguesa Begoña Caamaño, homenaxeada nesta edición do Día das Letras Galegas que celebramos este domingo 17 de maio. Damos conta dalgúns dos recursos máis destacados.
Documental conmemorativo da RAG (e outros contidos)
A Real Academia Galega puxo na Rede o audiovisual Begoña Caamaño Caamaño: navegar no pracer do azul, unha obra conmemorativa producida co gallo das Letras Galegas 2026, realizada por Miramemira con Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez na dirección e o guión. Pode verse xa en academia.gal e na canle de YouTube da RAG.
A película propón un percorrido pola vida e o legado da autora á que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio a través dos testemuños de persoas que a acompañaron nas súas diversas facianas persoais e profesionais. Destaca ademais como parte do relato a interpretación artística da súa obra literaria, que ten na colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia un dos esteos.
Segundo avanza a RAG, o documental conecta as dúas cidades en que Begoña Caamaño (1964-2014) viviu reconstruíndo a traxectoria desde a nenez e a mocidade ata á consolidación como xornalista e escritora. Desde o Vigo natal, onde medrou nos barrios do Calvario e Coia e se converteu en xornalista, ata Santiago de Compostela, onde continuou a súa carreira e vida a partir de 1989, cando se incorporou á redacción central da Radio Galega. Nesta cidade escribiría as súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), froito dun debut tardío pero maduro e anovador da escena das letras galegas do momento que segue a ter plena vixencia e interese.
A película documental dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo.
A película contou con múltiples colaboracións. No apartado de material de documentación, alén de imaxes e audios da CSAG, a narración apóiase en fotografías de Mulheres Transgredindo, Mulheres Nacionalistas Galegas, Sonia Díaz, Ra&Ka e os arquivos persoais de Ana Romaní, Maika Aguado e a propia Begoña Caamaño.
Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul realizouse co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Ademais disto, a RAG estreou a súa serie de reels sobre a escritora homenaxeada este ano nas Letras. Baixo o cancelo #éotempodeBegoñaCaamaño, ofrece petiscos sobre a vida e a obra da autora nunha produción dirixida especialmente ao público máis novo que conta coa colaboración de diversas creadoras e creadores de contidos nas redes sociais.
Os minivídeos estanse a publicar nas contas da Real Academia Galega en Instagram, Facebook e Bluesky (@reacademiagalega), X @academiagalega) e YouTube (@RealAcademiaGalega), e tamén en TikTok.
Arredor de Begoña Caamaño xira tamén o primeiro videopodcast da RAG, que vén cunha entrevista ás Fillas de Cassandra. Coma a escritora no mundo literario, María SOA e Sara Faro propoñen no seu traballo musical unha reescritura dos mitos desde unha ollada feminista. O seguinte episodio é unha conversa coa escritora Antía Yáñez, que debutou con Senlleiras (2018), unha novela sobre mulleres que rachan co silencio.
O alumnado do CIFP Leixa lanzou BegoZine
O alumnado do CIFP Leixa de Ferrol vén de publicar un pequeno sitio web con recursos interactivos arredor da vida e obra de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2026. O recurso, que se pode visitar dende hai uns días na web do CIPF Leixa, foi elaborado integramente por estudantes do ciclo formativo.
O BegoZine inspírase nos fanzines impresos, mais dálle unha volta levando o concepto ao mundo dixital e facelo interactivo. Cada estudante deseñou, a título individual ou en grupo, algunha pequena experiencia virtual arredor do mundo de Begoña Caamaño e plasmouna dentro desta escolma web.
Este proxecto foi realizado polo alumnado de 2º curso do Ciclo Superior de Deseño e edición de publicacións impresas e multimedia, que non só tivo que investigar sobre a figura de Begoña Caamaño, senón que tamén se enfrontou á complexidade de artellar e coordinar un proxecto multimedia realizado por máis dunha ducia de persoas.
O Colexio de Xornalistas reivindica a faceta xornalística da homenaxeada
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reivindicou a figura de Begoña Caamaño como xornalista cun podcast dirixido por Lucía Junquera, que estreou o 9 de abril o primeiro episodio e ao que se sumou encontro periodístico celebrado o sábado 25 de abril na Casa das Máquinas de Santiago. Estes actos, agrupados baixo a denominación Poñer a voz, foron realizados coa subvención da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
Respecto do programa-podcast celebrado o pasado 25 de abril, que arrincou da man da irmá de Begoña, Beatriz Caamaño, foi un encontro festivo cuxa gravación agora serve de epílogo ás cinco entregas de Poñer a Voz, coas voces de xornalistas de varias xeracións e coa lectura de textos de Caamaño da man das súas compañeiras da radio.
Conducido por Mónica Rosas, no encontro contou coas intervencións de Lucía Junquera, Ana Romaní, Sonia Díaz, María Xosé Porteiro, Pablo Lago e Marga Tojo; ademais da lectura de textos de Begoña Caamaño nas voces de Bea Caamaño, Eva Sandino, Concha de la Fuente, Anxo Quintela e Concha Cid Fuentes. Ao longo de dúas horas as participantes debullan o pasado, analizan o presente e albiscan o futuro do xornalismo a partir da traxectoria de Caamaño, do seu rigor profesional, o seu compromiso e a súa alegría. O peche musical vén da man de Uxía, con dous temas escritos para ela.
O podcast Poñer a voz é un relato sonoro en cinco capítulos que atravesa a vida de Begoña Caamaño. Desde a súa infancia e xuventude en Vigo, onde prende a paixón por contar historias, ata a súa implicación vital no feminismo, no coidado da lingua, no antimilitarismo e na defensa dos medios públicos. Como nexo: o xornalismo. A radio como medio fundamental, pero tamén os artigos que escribiu na prensa e revistas especializadas. Unha lingua e unha linguaxe propia, diferente á literaria, pero que tamén conforma as nosas Letras Galegas.
Poñer a voz pode escoitarse a través de Ivoox, Spotify e Apple Podcast, ademais de na web de Xornalistas. Ademais da voz conservada pola radio da propia Begoña Caamaño, e da dirección e condución de Lucía Junquera, o podcast conta coa participación de Bea Caamaño, Ana Romaní, Xosé María Palmeiro, Concha Cid Fuentes, María Xosé Porteiro, Fani del Río, Víctor Freixanes, Tiago Alvite, Raquel Lema, Carme Hermida, Silvia López, Uxía Iglesias e Belén Teiga.
A web do CCG, ferramenta de cabeceira
A web do Consello da Cultura Galega volve ser un ano máis un dos principais recursos dos que botar man para celebrarmos na Rede a festa do 17.
Entre as actividades máis destacadas destes días figura a edición facsimilar de Libro das amigas, que inclúe 24 contribucións de diferente tipo que a contorna máis próxima da autora de Morgana en Esmelle lle dedicou no primeiro cabodano. O libro das amigas tamén ten edición dixital e xa se pode descargar desde a web do CCG.
Amais, o Consello informou dunha completa entrada sobre a figura de Begoña Caamaño na súa enciclopedia en liña de personalidades galegas. Amanda Álvarez González é a autora da entrada no Álbum de Galicia na que a cualifica como “unha voz imprescindible no feminismo galego”. A entrada do Álbum de Galicia salienta a súa faceta como xornalista e activista sindical e política, e tamén do seu labor en numerosas asociacións feministas e sindicais. Saliéntase por suposto a súa creación literaria: compuxo letras para a cantante Uxía e María Fumaça e publicou dúas novelas: Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012).
O Concerto das Letras Galegas
Ademais do devandito, o Consello da Cultura Galega organiza este sábado a 16ª edición do Concerto das Letras Galegas. Celebrarase este ano en Vigo, lugar de nacemento, formación e primeiros pasos profesionais de Begoña Caamaño.
O concerto, de entrada libre e gratuíta, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo o 16 de maio (20:30 horas) e poderá seguirse en directo a través da web do CCG (consellodacultura.gal) e na Televisión de Galicia (crtvg.gal), no marco da programación do Día das Letras Galegas.
Trátase dun concerto composto por 14 pezas que transitan do íntimo ao festivo, no que a artista galega Uxía Senlle renderá homenaxe á memoria dunha das súas grandes amigas. Ao mesmo tempo, a proposta percorre tanto os gustos musicais de Begoña como aquelas composicións que acompañaron a súa traxectoria profesional.
Ao longo de 75 minutos desfilarán polo Auditorio Mar de Vigo figuras e símbolos como Circe, Morgana, as amigas, o mar de Arousa e a ría de Vigo, Penélope, a casa da Comboa, as humildes, as pegadas do seu andar pola terra, as rebeldes, as mans enlazadas e as lobas que ouvean, referencias clave no legado e na obra de Begoña Caamaño.
Polo que respecta á imaxe gráfica do Concerto das Letras Galegas, foi deseñada por Leandro Lamas. Este formato constitúe un proxecto musical de Uxía Senlle, unha das voces máis recoñecidas da música galega contemporánea. No concerto estará acompañada pola súa banda, integrada por Santi Cribeiro no acordeón, Rafa Otero na guitarra acústica e eléctrica, Yudit Almeida no contrabaixo e Isaac Palacín na percusión.
O concerto será de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade do auditorio (1.425 butacas) e poderá seguirse tamén en directo a través da web do Consello da Cultura Galega.
Así mesmo, o día 17 de maio emitirase no marco da programación especial que a Televisión de Galicia elaborou para o Día das Letras Galegas, en horario de máxima audiencia na segunda canle, a G2.
En Lingua.gal
A web da Secretaría Xeral da Lingua, o Portal da Lingua, preséntase tamén como unha fonte de información e de celebración moi relevante.
Ademais, a Secretaría impulsou actividades conmemorativas con Feiraco, con Gadis e con Renfe, entre outras, a través de cuxas colaboracións búscase celebrar o 17 de maio dunha maneira próxima e creativa.
O Portal da Lingua ofrece esta tempada (entre outros contidos) unha biografía da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, na que se destaca o seu moi destacado talento literario, a súa firme e temperá vocación xornalística e, tamén, o seu enraizado compromiso co feminismo, coa igualdade e coas liberdades (participa nos foros da Marcha Mundial das Mulleres, é unha das impulsoras da asociación Mulleres Galegas na Comunicación e forma parte de Mulheres Nacionalistas Galegas). Destácase tamén a fonda pegada deixada polas súas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009), unha obra que reinterpreta a Odisea dende unha perspectiva feminista, e Morgana en Esmelle (2012), Premio da Crítica Española ao Mellor Libro de Narrativa en 2021, na que analiza e reivindica a cuestión da sororidade ou o irmandamento feminino e solidario (entre mulleres), antes incluso de que o termo fora aceptado pola RAG ou a RAE.
Estaría preparando unha terceira novela cando a Parca cortou o fío que a unía á vida. Isto acontecía en outubro de 2015.
“As obras de Begoña Caamaño convídannos a reflexionar sobre a condición humana, a abandonar o odio e o rancor e a abrazar unha sociedade máis xusta e igualitaria”, saliéntase no Portal da Lingua.
