A Tecnópole acolle unha xornada sobre ciberseguridade para as empresas
martes, 9 de xuño do 2026

- Acto de apertura da xornada con Marta Nóvoa
Hoxe tivo lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas (Ourense) a inauguración dunha xornada dedicada á ciberseguridade como un dos grandes desafíos do tecido empresarial na actualidade. Estamos a falar da xornada Ciberseguridade aplicada: Protexendo as empresas galegas nun mundo dixital.
Ao acto de apertura asistiu a vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense e alcaldesa de San Cibrao, Marta Nóvoa, quen aproveitou para subliñar a importancia da ciberseguridade de cara á competitividade empresarial e á igualdade no rural. Engadiu Nóvoa que a dixitalización deixou de ser “unha opción” para converterse nunha “necesidade estratéxica para as empresas galegas”.
Nese avance tecnolóxico, a vicepresidenta advertiu que implica tamén novos riscos que deben afrontarse con preparación e anticipación, xa que “a seguridade dixital forma parte xa da propia competitividade empresarial”.

- Marta Nóvoa, vicepresidenta da Deputación e alcaldesa de San Cibrao
Neste senso, son máis necesarias que nunca xornadas deste tipo que permiten compartir experiencias prácticas e achegar ferramentas útiles para prever eses posibles riscos. Segundo a alcaldesa é de gran importancia a cooperación entre institucións, empresas, universidades, centros tecnolóxicos e expertos para poder “construír entre todos un ecosistema dixital máis seguro e resiliente”.
Engadir que esta xornada reuniu a autoridades, profesionais do sector tecnolóxico e representantes empresariais coa finalidade de analizar os riscos e oportunidades da transformación dixital. Esa transformación dixital debe chegar “a todo o territorio, tamén aos concellos rurais, ás pequenas e medianas empresas e aos emprendedores do interior de Galicia”, afirmou Marta Nóvoa, quen lembrou que a igualdade de oportunidades consiste en garantir que calquera persoa poida acceder aos recursos necesarios para competir nunha contorna dixital segura.
