A UDC dixitalizará os fondos do seu Arquivo

xoves, 10 de setembro do 2015 Redacción

Edificio Xoana Capdevielle, sede do Centro de Documentación e Arquivo da UDC. Imaxe de Arquitecturadegalicia.eu.

A Universidade da Coruña vén de informar dun importante proxecto para a dixitalización dos seus fondos. Esta iniciativa, que consistirá na organización e dixitalización do acubillado no Centro de Documentación e Arquivo da UDC, vén de recibir unha subvención da Consellaría de Cultura e Educación de preto de 5.000 euros, concedidos por convocatoria pública e en réxime de concorrencia competitiva. A subvención, informa a entidade académica, cobre o oitenta por cento do total do proxecto. O restante procede dos orzamentos propios da UDC.
Polo que respecta ao patrimonio documental que se vai dixitalizar, trátase do Fondo Eugenio R. Martínez (correspondencia e documentación económica), as Coleccións da Coruña (incluíndo as series Antecedentes históricos dos centros da UDC, A cultura e o ensino na Coruña, Universidade Popular da Coruña, Ángel del Castillo López, Mapas e planos e Gravados) e o Fondo Escola de Comercio. Unha vez rematado o proxecto, estímase que contra o final deste ano, unha parte dos fondos documentais de carácter histórico da UDC poderán visualizarse na Rede.

PUBLICIDADE